Dez autores entretecen os seus versos cos de Celso Emilio Ferreiro no Día da Poesía

A RAG organizou o acto-homenaxe ao autor de “Longa noite de pedra”

Autores participantes, onte, no acto da RAG.

Autores participantes, onte, no acto da RAG. / n

n

Lingoa proletaria do meu pobo / eu fáloa porque si, porque me gosta / porque me peta e quero e dame a gaña, reivindicou Celso Emilio Ferreiro en “Deitado frente ao mar”. O célebre poema incluído en Longa noite de pedra foi un dos que soou ao ritmo do hip hop de García Mc no acto do Día da Poesía organizado onte pola Real Academia Galega (RAG) na Fundación Luis Seoane, na Coruña. Foi unha convocatoria na que os versos do poeta celanovés dialogaron cos doutros dez autores actuais de distintas xeracións.

A loanza correu a cargo de Xesús Alonso Montero, quen sinalou que “o poeta social con maiúscula” foi igualmente un “poeta intimista”. Tras a súa intervención, seguiron as de Anxo Angueira, Rosalía Fernández Rial, Ana Romaní, Chus Pato, Ismael Ramos, Alfonso Pexegueiro, Rafa Vilar e Marilar Aleixandre, que protagonizaron o recitado da proposta titulada Poesía e sociedade de onte a hoxe. Dialogando con Celso Emilio Ferreiro. As súas contribucións e mais a de Oriana Méndez –que non puido asistir finalmente ao acto–, recóllense na plaquette conmemorativa, que se distribuiu onte entre os asistentes ao acto na Coruña e que xa está dispoñible en versión dixital na sección de publicacións da RAG.