Entrevista | Emilio Fonseca Biznaga de Plata a mellor documental

Emilio Fonseca, o director galego que triunfa en Málaga cun documental sobre o lobo e recolle o premio coa súa cadeliña

“Creáronse novos mitos moi perigosos ao redor do lobo”, sinala o cineasta ourensán

“Teñen moito que ver coa desinformación e a conspiranoia”, engade o director cuxo documental "Salvaxe, salvaxe" recibiu galardón no Festival de Málaga

Emilio Fonseca, no Festival de Málaga, recolle a Biznaga de Plata coa súa cadeliña.

Emilio Fonseca, no Festival de Málaga, recolle a Biznaga de Plata coa súa cadeliña. / W.T.

Mar Mato

Mar Mato

Podemos sentir a ausencia? E o que está ao noso redor? Que é un ser salvaxe nos nosos días? O documental “Salvaxe, salvaxe”, do director ourensán Emilio Fonseca, que vén de gañar a Biznaga de Plata no Festival de Cine de Málaga cunha obra que bebe moito do cinema experimental, plantexa estas e outras cuestións como o que hai detrás dos asasinatos ilegais de lobos no noroeste da Península. Esta fin de semana, recolleu o galardón cunha compañía singular: a súa cadeliña, Moa, que figura tamén como protagonista da longametraxe.

–No documental, seguen un grupo de científicos portugueses que investiga sobre lobos. Nun momento, sinalan que máis do 30% dos lobos marcados con colares con GPS por este equipo foron matados ilegalmente nos 18 meses de funcionamento das coleiras. É tremendo.

–É un dato moi contundente; hai poucas referencias como esa. Pareceume moi explicativo do que está a pasar mesmo nun país como Portugal onde o lobo está protexido dende hai anos. En Galicia, imaxinamos que pasa tres cuartos do mesmo. Desgraciadamente, están moi extendidas no rural galego e portugués as trampas de arame. Moitas veces están destinados ao xabarín. Son ilegais. Calquera bicho que caia nelas terá un sufrimento enorme [varias horas de agonía].

Emilio, coa súa cadeliña, coa que arranca o documental premiado.

Emilio, coa súa cadeliña, coa que arranca o documental premiado. / W.T.

–A longametraxe sinala que o lobo sempre estivo no Occidente asociado ao maligno.

–Si, pero agora creáronse novos mitos ao redor do lobo que son moi perigosos. Teñen moito que ver coa desinformación e a conspiranoia. Son crenzas como que non son lobos ibéricos, senón creados en laboratorios. Son falsidades, desinformacións, como as que vemos noutros ámbitos. Pode parecer que non teñen importancia pero entran dentro do negacionismo científico que van nunha dirección: o exterminio dos animais.

–Os canis lupus foron case exterminados de toda Europa.

–Atopámolos nalgunhas partes de Galicia, Asturias, Cantabria e Portugal; desapareceron de Sierra Morena; tamén hai nalgunhas partes remotas de Italia... Cando se fala da xestión do lobo é para aniquilalos. Hai países que teñen plans de recuperación. Isto non significa que se boten lobos, o que pasa é que este animal ten unha capacidade migratoria moi potente. Hai días saíu unha nova de que atoparan en Cataluña excrementos dun lobo que chegara da Alemaña. Fixo unha viaxe de 1.200 quilómetros.

Unha das imaxes de lobos do documental.

Unha das imaxes de lobos do documental. / W.T.

Mouro, o lobo que percorreu Portugal do centro á costa para ter unha familia

–Vostedes falan de Mouro que viaxou de Peneda-Gerés, onde nacera, para chegar ás serras marítimas portuguesas onde atopou unha loba coa que tivo familia.

–É sorprendente a capacidade que teñen para viaxar. Falan de números de lobos, o que non se pode saber exactamente porque é moi complicado. Din que hai entre 2.000 e 3.000, iso último moi improbable. O reconto faise por mandas e a partir de aí danlle un número aproximado. No documental mostramos que esas cifras son moi volátiles. As fontes científicas que consultamos sinalan 350 grupos de lobos na Península fronte aos varios millóns de cans que hai.

–“Salvaxe, salvaxe” tamén se fixa nos cabalos.

–Creo que os cabalos salvaxes deberían seguir existindo nas serras de Galicia. É patrimonio natural.

Investigadores portugueses seguen o rastro dos lobos

–Como xurdiu esta obra?

–Levo traballando tempo sobre temas da natureza. O lobo é un animal que me fascina desde sempre. Entrevistei xente que ten contacto con el. E chegou un momento no que quería falar con científicos para facer un documental diferente. Conseguimos axudas do Ministerio para unha obra máis experimental. Fomos acompañando investigadores, do centro CIBIO da Universidade do Porto, que estudan o lobo con regularidade. Abríronme as portas ao seu material. Seguín o seu proceso: primeiro, buscar as pegadas, os rastros dos lobos, para dar unha serie de datos. Quería amosar o coñecemento científico contra as crenzas.

Ao levalo ao cine, hai reflexións teóricas e un acompañamento máis sensorial para mostrar como os investigadores len a paisaxe. Un día de rodaxe atopamos unha cadeliña atropelada na Fraga dos Eume que ten un comportamento parecido ao interpretar o medio [animaliño que aparece no documental], así que a peli trata de alternar a parte científica e filosófica con outra máis sensorial de abrir as orellas, cheirar e mirar de outro modo, con todo interrelacionado. Os lobos son animais cos que nos podemos identificar a moitos niveis.

Suscríbete para seguir leyendo