A RAG estrea a sección “Palabras de Luísa Villalta” nos vinte anos do seu pasamento

As primeiras citas detéñense en ‘Papagaio’, un poemario sobre a explotación sexual das mulleres que amosa o perfil máis comprometido da escritora

Luísa Villalta, protagonista do Día das Letras Galegas. 
  | // ARQUIVO FAMILIAR

Luísa Villalta, protagonista do Día das Letras Galegas. | // ARQUIVO FAMILIAR / Redacción

Redacción

Tal día coma onte, o 6 de marzo de 2004, Luísa Villalta morría na súa casa da Coruña por mor dunha meninxite. Cadrando co vixésimo cabodano da autora á que lle dedica o Día das Letras Galegas 2024 e a proximidade do 8 de marzo, a Real Academia Galega detense en Papagaio, o poemario que escribiu para as fotos de Maribel Longueira sobre o derrubamento do barrio da prostitución da súa Cidade Alta. Neste volume, publicado postumamente, Villalta amosa o seu perfil máis comprometido e feminista, nun momento de madureza creativa. A esta obra, saída do prelo no ano 2006, pertencen os versos cos que a institución abre nas redes sociais e na súa web o espazo “Palabras de Luísa Villalta”, un mosaico que porá o foco, a través das distintas pezas que o irán completando ata o mes de maio, en fragmentos da súa obra con diversas palabras como guía. A institución estrea ademais hoxe un novo episodio da serie O Seminario de Onomástica responde no que o filólogo da RAG Iván Méndez, estudoso da toponimia coruñesa, expón as distintas hipóteses sobre a orixe e o significado do nome do Papagaio para designar a que foi a zona de prostitución da cidade.

“Amizade”

A primeira voz elixida para a sección “Palabras de Luísa Villalta” é amizade, que abre un poema no que Luísa Villalta retrata o apoio mutuo que se brindaban as prostitutas do barrio do Papagaio: A amizade ten flor que rebenta nas paredes, / sobrevive da podremia mutua / e só precisa das fiestras abertas / onde nace e se deita o sol de dentro. / Compartir as cordas de tender a roupa / vibrantes de emoción e de necesidade / por aquelas cousas que a auga da vida / non dá lavado, pola dor que as esfrega... Estes versos de marcada sororidade ecoan tamén no limiar do libro, no que Francisco Fernández Naval lembra como se xestaron estas páxinas, froito da amizade entre dúas creadoras, a escritora Luísa Villalta e a fotógrafa Maribel Longueira.