O músico vigués Eduardo Soutullo faise co Premio Andrés Gaos de composición

O galardón, dotado con 6.500 euros, outórgao a Deputación da Coruña

Eduardo Soutullo.   | // ALBA VILLAR

Eduardo Soutullo. | // ALBA VILLAR / Redacción

Redacción

O compositor galego Eduardo Soutullo resultou gañador do XV Premio Andrés Gaos de composición musical da Deputación da Coruña. O músico vigués venceu coa súa obra “Avnios”.

O xurado destacou que “a obra amosa un gran coñecemento dos diferentes instrumentos da orquestra” e que inclúe “un bo traballo harmónico e luminosidade estética”.

O fallo dérono a coñecer na noite do venres no Museo Domus tralo concerto de Arxis Esemble.

O xurado estaba composto pola catedrática de música e investigadora Rosa María Fernández García e polos compositores Raquel García, Jacobo Gaspar, Miguel Matamoro e Wladimir Rosinskij. A presidencia recaeu na deputada de Cultura, Natividade González.

Ademais da obra de Eduardo Soutullo, foron presentadas outras oito pezas de composición musical. Ademais dos 6.500€ euros, Soutullo terá a oportunidade de producir e estrear a obra. Ademais de “Avnios”, chegaron á final “Lines” e “SYZYGY”.

Dende a Deputación da Coruña, sinalan que “a mediados de xaneiro foron enviadas á Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) as partichelas das tres obras finalistas para o seu estudo e, durante os días 14 e 15 deste mes, tiveron lugar as sesións de traballo coa OSG, os finalistas e o xurado no Pazo da Ópera da Coruña. Esta metodoloxía é, precisamente, un dos atractivos do certame”.