É acertado que os nenos vexan os clásicos Disney?

A psicóloga Conxita López lembra que non podemos analizar os filmes antigos coas lentes actuais

Pais e nais confirman que os cativos prefiren as películas actuais da factoría

Unha imaxe de “Blancanieves” (1937).  // The Walt Disney Company

Unha imaxe de “Blancanieves” (1937). // The Walt Disney Company / Alba Prada

Alba Prada

Os clásicos Disney seguen entrando nos fogares de todas as familias xeración tras xeración. E é que a factoría foi quen de lograr algo realmente complicado: resistir ao paso dos anos e que os seus personaxes sigan protagonizando boa parte da roupa e do merchandising dirixido especialmente aos máis pequenos. E debe puntualizarse ese “especialmente” porque os adultos seguen encadilados polo universo Disney e tampouco faltan os accesorios dirixidos a ese público de máis idade. E os maiores fascinados por Mickey, Minnie, o Rey León, Aladdín ou a Sirenita, innegablemente lles van transmitir estas historias aos seus fillos.

Moito se leva debatido nos últimos anos sobre se é acertado ou non que os nenos as vexan. E é que hoxe en día eses estereotipos machistas renxen, e moito. Conxita López, vogal da sección de Psicoloxía Educativa, membro da Comisión Feminista do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e profesora, considera que son filmes para nenos e non hai problema en que os consuman “pero sempre en compaña dun adulto que poida responder as súas preguntas”, di. “Máis que explicarlles que eses valores son cousa do pasado, o interesante sería preguntarlles que pensan do que están vendo e se esas actitudes representan ás nenas de clase ou a si mesmas. Eu preguntaríalles: e a ti que che parece tal cousa?, cres que as nenas seguen esperando ao seu príncipe?, ou gústalles máis o rapeiro ou influencer de turno?, ou non necesitan a ningún home?”.

Estereotipos sexistas

“Dende Blancanieves, de 1937, ata Aladdín, de 1992, vemos representados todos os estereotipos sexistas con esas princesas salvadas polo príncipe. Pero non podemos esperar outra cousa. En España a publicidade ata os anos 60 animaba ás mulleres a que lles pedisen aos seus homes a lavadora de turno porque elas non podían comprar un electrodoméstico”, indica. “Desta época Disney quizais se pode salvar un pouco Bella, de 1991, porque é unha muller que non quere casar con calquera e que le moito. En Aladdín xa podemos ver a unha Yasmine que se distancia das anteriores princesas porque se nega a casar e empeza a tomar a iniciativa”. Pero ata entón, indica a psicóloga, “víamos dous claros estereotipos: por un lado a muller sempre é a que limpa e agarda a que a rescate o príncipe, e por outro, as madrastas sempre son malas”, di. “Algo que hoxe é inaceptable, tendo en conta que os modelos familiares son moi diversos”, agrega.

Cenicienta é outra das princesas que se pasa o día limpando, Ariel, a Sirenita, renuncia á súa voz e á súa familia por perseguir a un home e a Bella Durmiente só volve á vida (o mesmo que Blancanieves) cando o valente príncipe acaba coa meiga e a bica.

“A pesar de todos estes valores, que repito non podían ser doutra forma pola época na que se fixeron, os nenos van ver nelas un conto como calquera outro. Son contos tradicionais dos que sempre se aprende algo, o mesmo que no Patito Feo... De feito moitos destes clásicos nacen a raíz das historias dos irmáns Grimm, que eran moito máis escuros para os nenos”, indica Conxita.

“Non podemos ver estas películas coas lentes de hoxe porque entón son inconcibibles”, sentencia, e insiste en que o lóxico é velas cos pequenos. Con todo é certo que hai pais que prefiren que non accedan aos clásicos. De feito a coñecida actriz Keira Knightley manifestou publicamente que lle prohibiu a súa filla ver La Sirenita (1989) e La Cenicienta (1950) polos valores sexistas e a imaxe débil que transmite das mulleres. Non obstante, a psicóloga considera que non é normal escandalizarse tanto con Disney “cando logo os nenos xogan a videoxogos violentos ou acceden a todo tipo de contidos a través de youtube”, argumenta.

Nova mentalidade

A partir do ano 92 comeza a notarse na factoría unha nova mentalidade. No 95 Pocahontas xa non se vai co “príncipe” e queda no seu fogar. Pero o mellor exemplo disto chega no 98 con Mulán, que pode considerarse a princesa máis feminista ata ese momento: faise pasar por soldado para librar ao seu pai de ir á guerra.

En 2008 chegaba á gran pantalla a primeira princesa Disney negra, Tiana, e no 2010 “vemos a unha Rapunzel que, aínda que acaba casando, estuda, toma a iniciativa, anda con ladróns e ten o seu punto cómico”, explica a psicóloga. Pero con Brave, a primeira película de Disney-Pixar, en 2012, dáse o verdadeiro cambio. “O pai de Mérida, a protagonista, quere casala co mellor arqueiro e organiza un concurso para ver quen é o máis apto para gañar a súa man. Para evitalo, ela decide participar e vence. A súa rebeldía dista moito daquela Blancanieves ou Cenicienta que mostra Disney nos anos 30 e 50, nada que ver. Mérida ten iniciativa, vive aventuras e enfróntase a quen sexa”, sinala Conxita López.

Tamén Frozen, a preferida hoxe en día de moitas nenas e que causou verdadeiro furor na súa estrea, en 2013, marca un antes e un despois na factoría que fixo famoso a Mickey Mouse. “De pronto xa non hai un príncipe azul, de feito o príncipe que hai é malo. Aquí a historia céntrase na familia a través do apoio incondicional de dúas irmáns”, sinala Conxita.

Pasan os anos e Disney vai cambiando radicalmente esa imaxe inocente e complacente tan típica das primeras princesas. Elas xa non son así. Agora son valentes, seguras de si mesmas, e sobre todo, son libres, xa non se calan, teñen voz e fanse escoitar.

Os pais

Raquel Fernández, nai de Aarón e Iris, segue a desfrutar das películas Disney cos seus fillos. “Fixen unha formación cando estaba embarazada de Aarón na que me explicaron que todas estas historias beben dos contos dos irmáns Grimm, que recollen a cultura popular para traballar co inconsciente, coa linguaxe onírica. Realmente non hai un personaxe masculino e outro feminino. Os nenos non interpretan que o príncipe sempre salva á muller, senón que o conciben nunha linguaxe dos soños na que o masculino representa a parte racional e a muller a emocional”, conta. “Con todo, eles prefiren ver as novas como Vaiana”.

Tamén os nenos de Jesús Ferrer, Xoel e Laura, se decantan polas películas actuais. “Eles ven todas, as clásicas e as novas, pero si que é certo que sempre as vexo con eles, especialmente as máis antigas, para analizar xuntos os puntos máis desactualizados, é dicir, eses contidos machistas ou racistas. Pero sobre todo gústalles ver as actuais, como Brave, porque nelas as princesas demostran que non todo o mundo ten que seguir os cánons de beleza que marcaban as anteriores”.

O mesmo acontece no caso dos nenos de Alba Bermúdez. Aira e Ander directamente “abúrrense” cos clásicos e captan perfectamente esas mensaxes que hoxe en día son inconcibibles. “Cando ven Dumbo non entenden que o separen da nai por simplemente defendela”, conta. “Ademais a Aira tampouco lle gusta moito unha das novas, Brave, porque non entende que a obriguen a casar ou que non poida levar o pelo solto. Os nenos de agora están criados con outra mentalidade e captan cousas que nós antes non”.