Entrevista | Iria Misa Peralba Escritora e profesora de inglés en Secundaria

“Os centros de ensino deben ser espazos libres de móbiles”

A premiada autora presenta mañá en Baiona a súa quinta novela, “Unha veciña de película”, unha homenaxe ao cine clásico dirixida ao público infantil

Iria Misa, cun exemplar de “Unha veciña  de película”, onte,  en Sabarís.    | // RICARDO GROBAS

Iria Misa, cun exemplar de “Unha veciña de película”, onte, en Sabarís. | // RICARDO GROBAS / Neli Pillado

Lonxe de mundos fantásticos ou de nenos magos, as historias que Iria Misa escribe para os rapaces e mozos teñen os pés na terra, aínda que a súa última novela erga un chisco os talóns para introducilos no apaixonante mundo do cine clásico. Titúlase “Unha veciña de película” (Ed. Xerais) e a autora –recoñecida por obras anteriores cos premios Jules Verne de literatura xuvenil, Fervenzas Literarias, Agustín Fernández Paz de literatura infantil e xuvenil pola igualdade e Frei Martín Sarmiento– preséntaa oficialmente mañá venres ás 19.30 no multiusos Mercado de Sabarís (Baiona). Estará acompañada polo director do selo editorial, Fran Alonso. O acto enmárcase na programación “Baiona lila” que o Concello organiza arredor do 25-N.

–Que conta “Unha veciña de película”?

–É unha novela infantil, que pode chegar a todas as idades, e é a historia duns xemelgos, Elsie e Simón, que pasan un verán particularmente aburrido nun lugar no que todo o mundo marchou de vacacións. Ata que se muda á casa do lado unha muller enigmática, que posúe un aparello máxico, un proxector de cine antigo. Fanse amigos dela e entran nas películas que lles pón para convertirse en personaxes.

–Non hai problemática social de actualidade este vez no libro?

–É verdade que nas miñas outras novelas aparecía unha temática social marcada, pero aquí tamén está presente a través das películas que os nenos ven. Por exemplo, unha delas é “O gran dictador”, de Chaplin, e aí están as ditaduras e as inxustizas sociais. Os temas sociais sempre acaban nos meus libros porque non son unha persoa que se adique á fantasía, son unha narradora social, poderiamos dicir. Esta vez quixen facer unha homenaxe ao cine clásico e tamén un alegato ao papel da muller no cine. A protagonista, Alice, é unha mestura entre Alice Guy, a primeira cineasta da historia, e Mary Poppins, que sempre me gustou por ser un personaxe rompedor, feminista, independente e enigmático nun relato dos anos 30.

"Os protagonistas entran nas películas que lles pón a veciña para convertirse en personaxes"

–O cine non é algo que triunfe ente os máis novos agora, verdade?

–Teñen outras cousas nas que entreterse e nesta novela falo de películas que non lles van chegar polas súas pantallas: “O mago de Oz”, “Tiburón”, “Indiana Jones”... Penso que son aficións descoñecidas para eles que poden chegar a gozar.

–Está cada día en contacto coas preocupacións dos rapaces nas aulas.

–Si, e voume decatando de que, conforme pasan os anos, os problemas van cambiando. Hai cinco ou seis anos escribín sobre a diversidade sexual en “Mamá, quero ser Ziggy Stardust” porque se falaba diso daquela, e agora vexo os problemas que están creando os teléfonos móbiles.

–Xa traballa en algo sobre iso?

–Algo hai, pero os magos non desvelan os seus trucos [ri]. Si, penso voltar á novela xuvenil, ás miñas orixes, e falar diso. As pantallas son un verdadeiro problema pola información que reciben os rapaces sen ferramentas para sabela procesar. Penso que os centros de ensino deben ser espazos libres de móbiles para que os rapaces estean unhas horas desconectados e para evitar moitos conflitos. Hai unha corrente que segue esa filosofía e varios centros que xa a están aplicando.

"A maternidade é o máis gratificante que fixen na vida, pero tamén é duro"

–Esta é a súa primeira novela desde que é nai?

–É a primeira que publico, pero xa estaba escrita con anterioridade. É curioso porque os protagonistas son xemelgos e tiven xemelgos, dous nenos. Cousas que pasan.

–A maternidade cambiouno todo, supoño.

–Todo! Á miña vida chegaron hai ano e medio dous furacáns e atopar tempo para escribir é un pouco máis difícil e frustrante. Esta novela xa a tiña escrita e agora o seguinte que consiga sacar será no tempo que me deixan eles. É o máis gratificante que fixen na vida, pero tamén é duro.

–Con tres das súas catro novelas anteriores premiadas, que espera de “Unha veciña de película”?

–A miña maior ilusión sería que funcionase ben entre as nenas e os nenos, coma as anteriores. Se esta entrega ten éxito escribirei máis porque a conxunción de Alice e os nenos dá tanto xogo que teño ideas para un par de secuelas.

Suscríbete para seguir leyendo