O espertar á vida dun adolescente, eixo da última entrega de García Teijeiro

O escritor vigués rescata para o castelán unha obra que editara hai 25 anos, “En voz baja”

García Teijeiro, con Alba Piñeiro e Arantxa Amatriain.   | // FARO

García Teijeiro, con Alba Piñeiro e Arantxa Amatriain. | // FARO / M.M.

M.M.

O autor vigués Antonio García Teijeiro mantivo onte un coloquio con Alba Piñeiro e Arantxa Amatriain ao redor da súa última entrega literaria, a tradución ao castelán publicada pola editorial Elvira da súa novela “En voz baja”. O eixo desta é o espertar á vida dun adolescente, Roberto Núñez.

O encontro desenvolveuse no local da Asociación Cultural Évame Oroza no Casco Vello Alto de Vigo á última hora da tarde.

García Teijeiro lembraba a este xornal unhas horas antes do coloquio que a novela fora publicada hai 25 anos en galego: “Meu fillo que está na Universidade de Tennessee dixo que a novela había que traducila ao castelán. El dicía que non pasara de moda e que era moi adiantada ao seu tempo”.

Deste xeito, p ai e fillo acordaron que este último a traduciría do galego ao castelán. Teijeiro sinalaba que se trata de “literatura de aventura interior que é a que máis me gusta. Non é exactamente unha novela de iniciación; pero é intimista e presenta o espertar á vida de Roberto, o protagonista”, un rapaz de 16 anos de idade.

O libro tamén presenta o tema do illamento, de aí que “bote man duns versos da canción ‘The Wall’ de Pink Floyd”, sinalaba o escritor, un dos máis destacados das letras galegas –gañou o Premio Nacional de Literatura Xuvenil– e colaborador de FARO DE VIGO. “Na novela –engadiu– vese a evolución do protagonista ao longo do tempo. Vemos a unha persoa que busca descubrirse a si mesma”.

Recoñeceu sentirse “moi satisfeito” coa historia na que se tratan os problemas universais da mocidade. “Só houbo que cambiar algunhas cousas, por exemplo, o nome dalgún deportista que agora non está de moda. Presenta unha historia con contidos universais: toca o amor, a convivencia con pais que están separados, a violencia de xénero...”, subliñou.

Teijeiro, porén, recalcou que o fin último desta publicación é buscar a reflexión na lectora ou lector. “Pode servir de punto de partida para debates e reflexións. É unha novela transfronteiriza, pode ser xuvenil pero vai alén diso. Os adultos poden gozar dela e para os adolescentes paréceme moi importante porque lles pode axudar a parar nesa vida de voráxine que teñen. Á literatura pode ser unha ferramenta interesante para ir madurando”, concluíu.