Castaño: “Gañar o Nacional de Poesía é a segunda cousa máis difícil da miña vida”

A autora logra o galardón do Ministerio de Cultura pola vangarda, emotividade e temática do seu poemario “Materia” | É a terceira muller galega na que recae esta distinción

Yolanda Castaño, co poemario editado por Xerais e gañador do Nacional. |   // VÍCTOR ECHAVE

Yolanda Castaño, co poemario editado por Xerais e gañador do Nacional. | // VÍCTOR ECHAVE / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

A editorial Visor publicaba este ano en edición bilingüe galego-castelán os poemas do libro “Materia” da poeta galega Yolanda Castaño. Na capa, sinalábaa como “unha das voces máis internacionais da poesía galega actual”. Case a totalidade da súa obra atópase traducida ao español mesmo para o mercado latinoamericano. Gran parte dos máis importantes galardóns de poesía teñen recaído na súa creación. Pero a esta embaixadora polo mundo da literatura galega faltáballe algo. Onte acordaba en Chiapas, México, coa boa nova: viña de gañar o Premio Nacional de Poesía que outorga o Ministerio de Cultura.

Na información facilitada por este departamento, apuntaron que o xurado resaltou de “Materia” a súa “poderosa proposta poética”, a vangarda, a forza evocativa e sensorial así como a “poesía metafórica que dialoga coa memoria persoal e colectiva, directa, radical e feminista”.

Eran as seis da mañá en Chiapas; ás 14.45 aquí, cando polo teléfono a autora coruñesa daba as grazas polos parabéns e sinalaba a este diario: “Gañar o Premio Nacional de Poesía é a segunda cousa máis difícil da miña vida. A primeira, dedicarme á poesía”.

“Materia” saíra publicado por primeira vez en galego en xuño de 2022 con Xerais. Pronto chamou a atención pola súa “achega diferente” á maternidade “dende unha óptica máis cuestionadora e desde a perspectiva crítica”, sinalaba a propia poeta a FARO meses atrás.

Castaño certificou a súa renuncia á maternidade en versos como A xente devece por multiplicarse/Eu,/ dividiríame ou na homenaxe a Idea Vilariño “Non chegarei a” dirixido á filla ou fillo que non terá e onde atopamos Non te verei facer/ o que amas tan profundo/ Non coñecerei os teus fillos/ bañados polo sol/ un mes de agosto./ Non sosterás o meu pescozo./ Non me apagarás a luz.

Na tarde de onte, a escritora galega explicaba que “eu só quería visibilizar unha opción que teñen todas as mulleres, se é que son verdadeiramente libres, e que é a opción de non ser nai. A auténtica liberdade é aquela na que calquera das opcións estea igual de lexitimada, visibilizada e co mesmo prestixio social. Non debemos aplaudir unha soa das opcións”.

Porén aclarou que ela non defende que “unha das opcións sexa mellor ca aoutra; nin sequera que unha reciba apoio en certo espazo e non noutro”.

Para cuestionar a maternidade, Yolanda Castaño debullou os poemas tirando dun fío metafórico que repasa os tres estados da materia como se fosen capítulos con nome propio. No comezo do poemario con “Un río subterráneo” (líquido) lembrou os seus avós; para pasar ao sólido con “Iceberg” –onde fala de seus pais e irmán, o núcleo familiar máis próximo– e rematar co gaseoso, o futuro de Yolanda, en “Nube ou o peso da ingrávida”.

Aí, en poemas como “Suspendida”, escribe: Filla, filla miña: non podo cargarte no meu colo./ Fica onde estás, queda tranquila./ Baixando polos chanzos das liñas deste poema/ apenas na voz ganduxada neste verso,/ falareille aínda morta a unha ti non nacida.

Preguntada pola vangarda na súa creación, respondía que “hai que intentar sempre dar un pasiño máis adiante como poñerte ao límite e ser esixente contigo mesma como creadora. Tes que intentar ser a mellor poeta que poidas ser e non repetir fórmulas xa feitas incluídas as que nos funcionaron no pasado porque iso nos fai mortas como creadoras”.

Yolanda Castaño explicou que se atopaba en Chiapas, en San Cristóbal de las Casas, con motivo dun festival de poesía alí no que é a única representante do Estado español xunto ao asturiano Miguel Rodríguez Monteavaro. “Estou lonxe da miña familia pero foron os primeiros en chamar e estaban moi emocionados. Dalgún xeito, inda que sexa cómico si que é un premio para a familia. Contar as familias a través da literatura sempre se fixo e esta é unha maneira de que unha historia familiar quede na memoria. Todos temos vínculos familiares cara o pasado e cara o futuro. O que quería era unir esa liña desde as miñas devanceiras a esas proxeccións de futuro familiares”, reflexionou.

A autora que comezou colleitar premios de poesía dende moi noviña –o Fermín Bouza Brey cando tiña 16 coa obra “Elevar as pálpebras (1995) e o Johán Carballeira un ano despois con “Vivimos no ciclo das Erofanías”– converteuse onte na terceira autora galega que recibe o Premio Nacional de Poesía tras Pilar Pallarés (2019) e Olga Novo (2020). Se se inclúen os poetas homes, sería a quinta galardoada despois de José Ángel Valente (2001) e Manuel Álvarez Torneiro (2013).

Para Yolanda Castaño ,“a poesía galega vive un momento excelente. Xa levaba anos nun nivel moi alto pero quizais o contexto era máis hostil. A poesía galega en conxunto ten moita capacidade de risco e unha grande ambición creativa”.