A Real Academia Galega volta a Mondariz e nomea académica a Kathleen March

A institución participa na conmemoración dos 150 anos da declaración de utilidade pública das augas | Fai cento tres anos fora nomeado nesa vila Ramón Cabanillas

March (centro) con Freixanes e outros académicos, nas escaleiras do antigo Gran Hotel.  | // FOTOS: ANXO GUTIÉRREZ

March (centro) con Freixanes e outros académicos, nas escaleiras do antigo Gran Hotel. | // FOTOS: ANXO GUTIÉRREZ / GABINO PORTO

A localidade de Mondariz Balneario acolleu onte unha serie de actos con motivo da volta a vila da Real Academia Galega (RAG), cento tres anos despois daquela primera vez, o 30 e 31 de agosto de 1920, cando se lle deu entrada ao poeta Ramón Cabanillas, e era a primera vez que a institución, presidida entón por Manuel Murguía, realizaba un acto fóra da súa sede na coruña. Onte a RAG deu entrada á catedrática emérita da Universidade de Maine (EEUU), Kathleen March, referencia na proxección internacional da literatura galega, que ingresou como membro de honra.

O alcalde de Mondariz Balneario, César Gil, e a deputada Nava Castro, con Víctor Freixanes e outras das personalidades asistentes na Fonte da Gándara.  |  // FOTOS: ANXO GUTIÉRREZ

O alcalde de Mondariz Balneario, César Gil, e a deputada Nava Castro, con Víctor Freixanes e outras das personalidades asistentes na Fonte da Gándara. | // FOTOS: ANXO GUTIÉRREZ / GABINO PORTO

Kathleen March (Rochester, Estado de Nova York, 1949) é galega por elección e contribúe de forma destacada dende hai décadas á proxección internacional da literatura galega como crítica literaria e tradutora. En recoñecemento á súa labor pasada e aos proxectos que segue a desenvolver, a Real Academia Galega recibiuna no Balneario de Mondariz como membro de honra. A filóloga e fundadora da Galician Studies Association hai máis de trinta anos.

Kathleen March con Freixanes, de paseo por Mondariz Balneario.

Kathleen March con Freixanes, de paseo por Mondariz Balneario. / GABINO PORTO

O presidente da Real Academia Galega, Victor F. Freixanes, acompañado dun numeroso grupo de académicos e académicas da lingua galega foi recibido na localidade balnearia polo alcalde, César Gil, nun acto no que estivo acompañado por outros rexedores da comarca, a deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro, e outras personalidades.

No acto inicial, na Casa do Concello, o Alcalde, César Gil, referiuse ao esplendor de Mondariz Balneario nos anos vinte do século pasado e dixo que “estamos a tempo de recuperalo” destacando que “como alcalde é un orgullo recibir aos académicos” e sinalou que será a súa casa.

Após unha presentación dos 150 anos da declaración da auga de Mondariz como de utilidade pública a cargo do experto en Turismo de Mondariz Balneario, Valentín Verea, intervíu o presidente da Fundación “Mondariz Templo del Agua”, Francisco Carrera, que lembrou o seu traballo a carón do empresario Javier Solano no renacer de Mondariz Balneario, entrados os anos oitenta.

Nava Castro, representando á deputación de Pontevedra, asegurou que Mondariz Balneario soubo convertirse nun dos referentes do turismo da provincia de Pontevedra, tamén nos últimos tempos “polo que nos sentimos orgullosos”. A tamén responsable de Turismo da Deputación, amosou o seu convencemento de que Mondariz Balneario seguirá a ocupar un lugar de honra no turismo da comarca,

Tamén se dirixíu ás persoas presentes Freixanes, que falou da riqueza das augas termais de Galicia botando man de referencias xeolóxicas e falando da “memoria tectónica” para referirse as propiedades que garda, dende hai millóns de anos, a auga mineral. Lembrou o acto de hai cen anos, ao que faltou Manuel Murguía, “porque era centenario e non puido desplazarse”. Dixo tamén, que nalquel momento, Mondariz era un referente da cultura galega e europea, “pola cantidade de personalidades que nos visitaban”.

Freixanes lembrou a Cabanillas como unha personalidade moi vencellada á vila “aquí traballa contratado por Peinador, responsable de moitas actividades... e en Mondariz Cabanillas escribe e publica algunhas das súas obras de referencia”.

March: “Os novos formatos non deben darnos medo nin parecernos inferiores”

Durante o acto de ingreso, celebrado onte á tarde no Balneario de Mondariz, Kathleen March reflexionou sobre o carácter global da literatura galega e propuxo novos camiños que cultivar para facela chegar “máis alá”, como fixeron no seu día Rosalía e Manuel Antonio, dous autores que marcaron a súa traxectoria. A directora da Sección de Lingua, Rosario Álvarez, foi a encargada de darlle resposta en nome da corporación e dixo que “Kathleen March, coa súa ollada experta non sometida ao peso constrinxente da tradición, ensinounos a ler a Rosalía dun xeito diferente”. Antes, a nova académica deu lectura na celebración a un resumo do seu discurso de ingreso, titulado “Máis alá do manifesto”, e recitou as súas traducións ao inglés de poemas de autores e autoras galegos de distintos tempos. A catedrática emérita da Universidade de Maine identifica a promoción da tradución como requisito indispensable para espallar as letras galegas no escenario global, pero advertiu que isto non debe cinguirse exclusivamente ao libro en papel nin limitar outros camiños. “Os novos formatos non deben darnos medo ou parecernos inferiores”, sentencia e defende o aproveitamento de “varandas” coma os libros electrónicos, os audiolibros ou os códigos QR, todos eles outras formas de traducir –considera– para gañar públicos.