O Centro Dramático Galego prepara unha superprodución para o seu corenta aniversario

A directora será Tamara Canosa, protagonista de “Pradolongo”, e terá en escena 20 intérpretes

Redacción

O Centro Dramático Galego conmemorará en 2024 o seu 40º aniversario coa estrea no mes de abril dunha produción propia de gran formato que será unha das máis ambiciosas da súa historia, ao requirir en escena 20 actores e actrices.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio do proceso de selección dos integrantes do elenco, en tanto que as bases do procedemento se poden consultar na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto a partir de mañá e ata o martes 27 de xuño, informa o CDG nunha nota de prensa.

Tamara Canosa será a directora desta montaxe que xogará coas premisas que rexen os chamados talent shows, un dos formatos televisivos de maior éxito nos últimos anos. A competitividade, as expectativas da superación, as presións constantes ou as esixencias impostas para o sacrificio son algunhas das coordenadas polas que atravesa a historia.

Tamara Canosa participou en series televisivas como “Valderre”i ou “A vida por diante” e en fitas como “Heroína” ou “Pradolongo”, pola que recibiu o Premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina.

En teatro, como actriz participou en producións como “A pensión”, de Redrum Teatro, e exerceu a dirección en espectáculos como “Liberto” ou “Amantis”, ambas as dúas con Rebordelos (produtora propia que encabeza xunto a Xacio Baño), e “Soños”, de Culturactiva.

O Centro Dramático Galego recuperará en xaneiro “Terceiro acto”, obra dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez e estreada en abril 2021.

A súa exhibición, realizada integramente no escenario do Salón Teatro, produciuse nunha época de restricións na actividade escénica por mor da crise sanitaria derivada da COVID-19.

Neste 40º aniversario, ademais de traer de novo a cartel Terceiro acto e de estrear a montaxe dirixida por Tamara Canosa, o Centro Dramático Galego continuará coa súa labor a prol da accesibilidade e da territorialización da súa actividade anual. Esta dinámica incluirá, entre outras iniciativas, a coprodución dun espectáculo de pequeno formato que percorrerá numerosos concellos de Galicia no vindeiro 2024, ano en que tamén cumprirán 25 anos desde a reapertura do Salón Teatro como sede do Centro Dramático Galego.