Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alan Lomax, coas cantantes Shirley Collins e Jean Ritchie. | // CANTOMETRICS

Alan Lomax en Galicia: 70 anos da visita do home que retou un nazi

Conformou un arquivo gravado de melodías tradicionais galegas que o grupo Cantometrics tocará este sábado en Mos

“Para os que estamos no folclore, Alan Lomax é unha figura mítica. Ao afondar nos seus diarios, descubrín unha persoa cun sentido do humor brutal e un auténtico namorado da música. Fixo un traballo que cría necesario: as primeiras gravacións que temos da música galega”. A gaiteira Marina Vigo ofrece esta carta de presentación dun home norteamericano que chegou a Galicia nos anos 1952 e 1953 acompañado pola inglesa Jeanette Bell para rexistrar o cancioneiro popular da música galega.

Agora que se compren os 70 anos desa viaxe, Marina rememora a súa figura a poucos días de que o seu grupo, Cantometrics, do que é a gaiteira, lle renda tributo cun concerto este sábado ás 20.30 horas no Auditorio de Guizán, en Mos, onde interpretarán melodías do arquivo de Lomax.

Cantometrics actúa o sábado en Mos.

“El foi investigado pola intelixencia americana (CIA) porque tiña un pensamento de esquerdas, do que se entendía de esquerdas naquela época. Non lle deixaron seguir traballando na radio. Ofrecéronlle un posto na BBC para recoller música por Europa”, sinala Vigo.

Como toda gran epopea, a do musicólogo norteamericano non está despoxada da anécdota decisiva que marcaría a historia. “El non tiña previsto facer recollidas de cancións en España pero mandárono a un certame de folclore do franquismo en Mallorca. El só pensaba pasar eses cinco días do festival alí e nada máis pero na illa falou co director do Centro de Musicoloxía Español, que era alemán. Este díxolle que en España non había nada digno de ser gravado, que el xa tiña todo recollido e non quedaba nada máis. Lomax nos seus diarios escribiu ‘ese maldito nazi non me vai dicir o que podo ou que non podo facer’. Grazas a ese comentario, empezou a recoller música en España”, relata a gaiteira de Cantometrics.

Ese espíritu de contradición axudou a salvar un número considerable de melodías que se non fora por el e a súa axudante, a inglesa Jeanette Bell, hoxe estarían seguramente perdidas no pouso do tempo.

Esa herdanza de Lomax editada en parte pola BBC está disponible en webs –por exemplo no Lomax Digital Archive, coa url https://archive.culturalequity.org/– e Cantometrics busca que perviva nos seus concertos.

O propio nome da banda é herdeira do musicólogo norteamericano. “Eu –explica Marina Vigo– estudei no Conservatorio Superior de Vigo e tiña unha asignatura de Música e Cultura coa percusionista e zanfoñista do grupo. A raíz de ter que estudar os sistemas de análise de Alan Lomax para as cancións, que se chama análise cantométrica, saiu esta idea de afondar no seu arquivo”.

Engade que, para Lomax, “o xeito que ten de cantar a xente é un reflexo da sociedade. É un concepto moi bonito que vén significar que cantamos como somos. A idea de crear o grupo naceu nesas clases. Cando soubemos que se cumprían os 70 anos da súa viaxe a Galicia vimos a oportunidade”. De momento, no YouTube de Cantometrics podemos disfrutarde dous temas, “Chifro” e “Maios”.

“A análise cantométrica servíalle a Lomax -que foi louvado por Carlos Núñez- para comparar culturas que en principio eran lonxanas. Por iso, nos baseamos en melodías do seu repertorio doutros sitios. Por exemplo, temos unha rumba que sacamos dun arrolo das Antillas Holandesas; e mesturamos unhas cantigas dos maios de Pontevedra cunhas melodías de trompetas cerimoniais de Marrocos. Así, miramos que músicas que parecen alleas a nós como poden convivir coas melodías galegas”, reflexiona Vigo.

Sobre o seu tema “Maios” engade que é un caso “curioso” xa que son melodías de Pontevedra que aparecen no arquivo de Lomax clasificadas como de Sanabria. “Escoitando a gravación, escoitamos os rasgos dialectais que tiñan os nenos da canción orixinal e decatámonos, lendo tamén os seus diarios, que estaba mal clasificada, que era de Pontevedra realmente”, engade esta música galega.

En canto a “Chifro”, Marina Vigo explica que tomaron o toque de chifro ‘Alborada de Vigo’ que “Lomax lle gravou a un capador de Ourense chamado José María Rodríguez e que foi un tema que viaxou internacionalmente porque o versionou Miles Davis coa trompeta no disco ‘Sketches of Spain’” –en concreto do tema “The Pan Piper”– para incluílo no primeiro vídeo que sacaron o pasado ano e que gravaron no museo de Meirande, en Redondela. “Nós démoslle unha volta tocándoo con marimba, percusión e gaita”, detalla.

Agora, Cantometrics está formado ademais de por Marina por Luís Bolón (zanfoña e percusións), Sandra Pérez (marimba e percusión) e por Nébeda Piñeiro (voz). A maiores, no concerto de Mos colaborará Fran Trashorras co acordeón.

A banda galega –con integrantes de Vigo, Bueu, Tui e A Coruña– está a piques de sacar o seu primeiro cedé. “A nosa pretensión é tocar en auditorios e festivais. Estamos considerando facer un espectáculo con audiovisuais, vídeos de recollida e cousas de Lomax pensando no inverno. Tamén nos gustaría facer un concerto para público infantil cunha visión máis didáctica”, sinala Marina Vigo.

Antes que Cantometrics, outros grupos como Tanxedoras rendiron tributo a Lomax. No seu disco, "1952" ofrecían 18 temas marabilladas co repertorio do etnomusicólogo, entre os que se atopaba a "Xota de Corcubión".

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.