O Centro Dramático Galego inicia en Vigo a xira da súa última produción

O Teatro Afundación acolle o día 4 a representación da peza de Xohana Torres “Un hotel de primeira sobre o río”

O elenco de “Un hotel de primeira sobre o río”. |   // AGADIC

O elenco de “Un hotel de primeira sobre o río”. | // AGADIC / REDACCIÓN

REDACCIÓN

Asegura o vigués Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego (CDG), que a peza teatral de Xohana Torres “Un hotel de primeira sobre o río” –que se representará en Vigo o día 4 no Teatro AFundación– constitúe “un clásico por dereito propio” que “é máis actual no noso presente ca na época en que se escribiu. Quizais por iso nunca se presentou profesionalmente en Galicia ata hoxe, case 50 anos despois da súa escrita”.

Trala súa estrea en Compostela o pasado mes de marzo, a obra comeza a gora a súa xira e será Vigo o primeiro teatro desa andaina que abranguerá vilas de Galicia pero tamén de Portugal.

Presentada onte na cidade olívica por Fran Núñez, María Torres e María Teresa Cores, directora de Cultura de Afundación, “Un hotel de primeira sobre o río” trata sobre “a especulación urbanística, a depredación do medio natural ou o desarraigo”.

A protagonista é Ruth. Esta muller vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico. Uns promotores aspiran a construír un hotel cunha área recreativa.

Por unha parte, hai xente a favor; pero tamén outra está en contra. Ruth recibirá presións para que renuncie á súa terra e casa para que o proxecto urbanístico siga adiante co que se quere deixar patente a dicotomía entre o rural e o urbano; o suposto progreso e a tradición.

O director do CDG sabe ben o que revela esta obra teatral. “O sitio onde nacín, Santo André de Comesaña (Vigo), no lugar da Igrexa, está afectado por un PERI para facer unha urbanización de chalés acaroados dende que teño uso de razón. Por iso, non se poden reformar as casas, seica”, sinala no dossier da peza.

Pola súa parte, a compañía Elefante Elegante resalta que o fin e reivindicar a relevancia e vixencia desta obra de Torres, nunha adaptación con “carácter visionario” sobre a especulación urbanística, a sobreexplotación dos recursos naturais, o feminismo, a emigración ou o éxodo rural.

No elenco, atópanse Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Merche Pérez, Nicolás Otero, Pablo Sánchez e Lidia Veiga, que foron dirixidos por Gonçalo Guerreiro e María Torres.

Despois de Vigo, a obra teatral continuará a xira por Póvoa do Varzim (Portugal), Vimianzo, Lugo, O Barco de Valdeorras (día 12 no TeatroLauro Olmo), Ourense (Teatro Principal, o día 16), Narón e A Coruña.