In memoriam // Avelino Franco Grande

O galeno humanista

Doutor Avelino Franco Grande. |

Doutor Avelino Franco Grande. | / Sabela Del Río Fernández*

Sabela Del Río Fernández*

O fin de semana pasado nos deixaba ós 86 anos o doutor Avelino Franco Grande, un médico dos “de antes”, deses que eran “máis que médicos:” “o galeno humanista”.

No 1937 nacía en Tomiño (O Rosal), estudaría o Bacharelato en Vigo para despois mudarse a Santiago de Compostela, onde remataría a carreira de Medicina. Sempre ligado ós movementos culturais da cidade, o seu espírito inquedo levouno ata alta mar, a traballar como médico de cruceiro.

Emigrou a Alemaña para formarse nas últimas técnicas de anestesia, especializándose en Anestesioloxía Pediátrica. Os seus coñecementos non pasaron desapercibidos para o insigne pediatra doutor Peña, que o reclamou como anestesiólogo pediátrico para o Hospital Xeral de Santiago. O seu bo facer como anestesiólogo contribuíu a colocar a anestesioloxía galega nun alto nivel. Incluso colaborou na posta en marcha da UCI Pediátrica no Hospital Xeral de Santiago.

Sempre se interesou pola investigación en Medicina, en especial en Anestesioloxía. Era un escritor e investigador de primeira liña. Entre as súas publicacións máis destacadas atopamos: “La Medicina Compostelana (1847-1950)”, “Historia de la Anestesia en España (1847-1940)” e “Los orígenes de la Moderna Anestesia en España”.

En colaboración cos doutores anestesiólogos Vicente Ginesta, Julián Álvarez e Joaquín Cortés, creou o Museo de Anestesia de Santiago, museo que se sitúa entre os máis destacados do mundo no seu sector. Neste ano pasado, publicouse un precioso catálogo das pezas de este museo baixo o título “Museo de Anestesia”.

Punteiro en anestesia, xeneroso, respetado e recoñecido. Colaborou coa AGARyD e tratou de levar a anestesia galega a un punto álxido. Foi xefe de servicio de Anestesioloxía do Hospital Xeral de Santiago, e participou na creación da primeira Unidade de Reanimación de Anestesia no Hospital de Galeras con 5 camas de críticos.

Publicou múltiples artigos en medios nacionais e internacionais e coa súa contribución a investigación en Historia da Anestesia alcanzou o seu máximo esplendor. En tódolos congresos nacionais e internacionais de anestesia había un traballo do doutor Avelino Franco, e transmitía o seu espírito a todos os seus residentes. A Historia da Anestesioloxía estaba presente en tódolos ámbitos pola súa investigación e pola súa contribución. Os seus discursos estaban cheos de coñecemento e información verídica e a súa colección de fotografías médicas non ten parangón.

Aqueles que tivemos o pracer de traballar con el sabemos que era tan grande como seu nome indicaba: collía os bebés naquelas inxentes mans cunha delicadeza infinita. Era grande como persoa e como profesional. E foi o mellor contador de historias. Sempre tiña unha historia para cada quen. Unha mente inmensa, chea de coñecemento. Cada mañá oíase polo corredor do hospital: “Ave-César, Ave-Lino”, e entraba o gran doutor Avelino Franco coa súa gran sonrisa.

Deixounos un erudito, un médico anestesiólogo de profunda e ampla cultura xeral. Con el perdemos un narrador de historias, unha memoria viva da anestesioloxía e a medicina do século XX. Seguirá con nos nos seus libros e sempre o lembraremos polas súas historias. Deixounos un médico dos de antes: “o galeno humanista”.

*Vicepresidenta primeira de AGARyD, Asociación Gallega de Anestesiología, Reanimación y Dolor