Voces novas da lírica e persoas con parálise cerebral celebran a poesía en Vigo

A música de Pablo Galiñares e a ilustración de Nana completaron o recitado da Deputación

Carmela Silva (c.) posa cos artistas e usuarios de APAMP que participaron no acto de onte.

Carmela Silva (c.) posa cos artistas e usuarios de APAMP que participaron no acto de onte. / FdV

Redacción

Poesía, diversidade, música, ilustración e, por enriba de todo, bágoas e risos cargados de emoción, de respecto e de inclusión déronse a man no acto con que a Deputación de Pontevedra celebrou onte o Día Internacional da Poesía na sala Rosalía de Castro da súa sede de Vigo. No recitado poético “Poesía cos pés na terra!” participaron tres voces novas pero xa consolidadas do panorama lírico galego: Ana Fontenla, Ismael Ramos e Andrea Valle, e sete poetas con parálise cerebral, usuarias da Asociación de Familias con Parálise Cerebral (APAMP): Pilar Álvarez, José Varela, Fátima Domínguez, Sergio González, Begoña Moldes, Alejandro Portela e Álvaro Villa. Esta conmemoración, a que asistiron a presidenta Carmela Silva, e a xerente de APAMP, Conchi Somoza, completouse co acompañamento musical do músico cego Pablo Galiñares e coa realización dunha ilustración en directo a cargo da recoñecida muralista Nana.

A presidenta provincial, Carmela Silva, visiblemente emocionada, sinalou que este recitado poético “é o máis fermoso” que ten organizado a Deputación ata o momento. “Hoxe tivemos a sorte de poder rir e chorar coa forza que dá a valentía de toda esta xente que sabe que o mundo só merece a pena se somos conscientes de que todas somos persoas diversas e diferentes, pero iguais en dereitos”, engadeu.

“Dá gusto pensar que neste mundo tan inxusto hai xente que é capaz de construír unha vida que vale a pena"

Carmela Silva

— Presidenta da Deputación de Pontevedra

Tamén agradeceu a “aposta pola cultura” e o labor de APAMP. “Dá gusto pensar que neste mundo tan inxusto e onde acontecen cousas terribles hai xente que é capaz de construír unha vida que vale a pena. Por iso, este acto é profundamente fermoso pero tamén profundamente reivindicativo, xa que reivindicamos que todas as persoas teñan dereito a ocupar todos os espazos, a que as nosas voces sexan escoitadas e a que non se perda esta calidade poética”, dixo.

A presidenta provincial salientou palabras que se repetiron nos poemas como “confluencia” ou “compartir”. “A partir de hoxe todos os poemas que escoitamos acompañarannos, e non poderemos esquecer este día tan especial e único, con xente extraordinaria que nos ensinou todo o que perdemos por non ter a mente aberta”, afirmou.

Pola súa banda a xerente de APAMP, Conchi Somoza, agradeceu a aposta que fai a Deputación de Pontevedra por celebrar o Día Internacional da Poesía cun recitado de poesía inclusiva. “A visibilidade das creacións de persoas con diversidade funcional alenta a deixar atrás os atributos externos e a apresar toda a sensibilidade interior das e dos poetas que participaron no acto”, comentou.

“A visibilidade das creacións de persoas con diversidade funcional alenta a deixar atrás os atributos externos "

Conchi Somoza

— Xerente de APAMP

A poesía, unha das formas máis prezadas da expresión e a identidade lingüística da humanidade, pasou do papel á palabra e resoou na sala a través dun recitado inclusivo que permitiu que a linguaxe poética fose accesible para todas e todos, dando voz a poetas con diferentes capacidades intelectuales e físicas da provincia, que ofreceron unha lectura horizontal e compartida das súas historias. Sergio González, Fátima Domínguez, Begoña Moldes e Alejandro Portela, usuarios de APAMP, leron tres poemas da súa autoría. Ademais dos seus poemas orixinales, os poetas Ismael Ramos, Andrea Valle e Ana Fontenla tamén leron outros tres da autoría das usuarias de APAMP Pilar Álvarez, José Varela e Álvaro Villa, respectivamente, xa que teñen dificultades para ler.

O acto tivo unha apertura e un peche musicais a cargo do músico cego Pablo Galiñares, que ofreceu senllos solos de guitarra e tamén acompañou as e os poetas durante o recitado. No transcurso da acción, a ilustradora Nana elaborou unha peza en directo sobre un lenzo de gran formato, dedicado á poesía inclusiva onde transmitiu de forma visual as palabras dos poemas recitados. A súa ilustración, a imaxe dunha nena cos ollos pechados sostendo un libro, será doada a APAMP para instalala na súa sede. A celebración do Día da Poesía tamén contou con interpretación en lingua de signos da Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (XOGA).