O Consello da Cultura custodiará os escritos do galeguista Lois Tobío e o diario da súa dona

Os documentos son testemuño de etapas senlleiras da historia de Galicia e reflicten a visión dun galeguista comprometido coa súa terra

Constanza Tobío e Rosario Álvarez.   | // E.P.

Constanza Tobío e Rosario Álvarez. | // E.P. / Redacción

Redacción

A filla do histórico galeguista Lois Tobío, Constanza Tobío, asinou onte co Consello de Cultura Galega (CCG) un acordo de cesión do fondo documental do seu pai, que lle encomendou que as súas memorias se gardasen nunha institución pública galega, e anunciou a futura doazón do diario da súa nai, María del Carmen Soler.

Este documento que reúne 40 anos de memorias, desde o 23 de xaneiro de 1939, día no que casaron, supón un manifesto histórico que recupera outra perspectiva da vida de Tobío e a realidade que vivían. Nel, María del Carmen, de nacionalidade uruguaia, afirma que se sentía “galega” a pesar de non visitar nunca a comunidade autónoma.

Escritor, xornalista, galeguista militante e diplomático comprometido coa Segunda República, as memorias de Tobío permiten seguir as iniciativas de construción da identidade de Galicia e a súa recuperación desde América tras o triunfo do golpe de Estado.

Ademais, ofrecen unha aproximación á creación do estatuto de Galicia ou a constitución do Consello. Unha viaxe ao pasado que percorre momentos clave do século XX, como a evacuación de Barcelona do Goberno republicano en xaneiro de 1939.

Un legado, segundo o historiador Ramón Villares “importante por si mesmo, porque Tobío é un dos grandes, pero tamén en relación co legado doutros compañeiros, como poden ser Filgueira Valverde, Paz Andrade e moitos outros”.

Comprometido con Galicia

Durante o acto, celebrado onte na sede do Consello, Constanza Tobío manifestou sentirse feliz de cumprir a vontade do seu pai, que lle trasladou anos antes de falecer o seu desexo de transmitir as súas memorias a súa lexítima herdeira, Galicia.

Nesta liña, a presidenta do Consello, Rosario Álvarez, e o catedrático, Ramón Villares, lembraron o papel, personalidade e traxectoria dun home que “non deixou nunca de traballar por Galicia” e, segundo a súa filla, “cuxo compromiso foi o eixo vertebrador da súa existencia”.

Así mesmo, desde o organismo trasladaron a intención de que acudan estudiosos a interpretar estes documentos, compostos por cartas, manuscritos e materiais inéditos, para “ver que nos pode ensinar”.

Con esta cesión, o Consello comprometeuse á conservación, custodia e difusión do legado de Tobío e publicou na rede unha breve selección da documentación cedida, cuxo proceso de dixitalización comezou en 2013.