Familiares e personalidades da cultura e a política despiden a García-Bodaño en Bonaval
Os seus restos recibirán sepultura este venres en Boisaca | O presidente da Xunta e o conselleiro de Cultura, o alcalde de Santiago, o presidente da RAG e membros da institución pasaron pola capela ardente
Valeria Pereiras
“O compromiso coa lingua é unha constante na súa traxectoria e, ademais de bo poeta, García-Bodaño era un home dun trato encantador, moi próximo. Eu, particularmente, quedo contenta de que a Academia, que fai todos os anos unha homenaxe polo Día da Poesía, a Salvador lla fixera en vida”, expresou a El Correo Gallego (diario do mesmo grupo editorial que FARO) a escritora Marilar Aleixandre, unha das primeiras en chegar, xunto coa familia, ata a capela ardente de Salvador García-Bodaño.
Instalado no auditorio do Museo do Pobo Galego, do que foi cofundador, co estandarte de Santiago e cuberto coa bandeira de Galicia, diante do seu féretro congregáronse multitude de personalidades do mundo da cultura e da política de toda Galicia. “Estamos despedindo unha figura enorme por todo o que representa, tanto para a cultura do noso país como polo grandísimo valor cívico que tivo sempre, o seu compromiso coa lingua e con todo o que tiña que ver con Galicia, en xeral, e Compostela en particular”, resumía Mercedes Rosón para quen “desde a perspectiva de Santiago hai poucos poetas que falaran tanto e tan ben de Compostela, que a describiran con tanto atino. Os seus poemas de amor parécenme sublimes, sempre recurro a eles cando oficio vodas no Concello”.
A concelleira de Acción Cultural e o alcalde de Santiago, entre outros membros da corporación, sen distinción de siglas nin partidos, quixeron despedir a quen foi fillo adoptivo da cidade e presidente de honra do Ateneo santiagués. Sánchez Bugallo chegaba sobre a unha e media da tarde acompañado do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, ou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo. Tamén do presidente da Real Academia Galega que se referiu a García-Bodaño como o “Poeta de Compostela”. “Era un compañeiro xeneroso, moi querido por todos e todas nós, que participaba activamente nas actividades da RAG e que imos botar moito en falla”, expresou Víctor Freixanes. “Dende a independencia de criterio, de opinión, sempre foi leal ao seu país, que sentía profundamente, e leal aos seus amigos e ás institucións que nos representan”.
Ao longo do día, foron multitude as persoas que quixeron achegarse ata Bonaval, onde tiveron lugar as honras de despedida. Ademais de familiares e cargos institucionais pola capela ardente pasaron numerosos representantes da sociedade civil e persoas a título individual. Tralo peche da capela ardente, ás sete da tarde, o seu cadaleito foi trasladado á contigua Igrexa de San Domingos de Bonaval. Alí celebrouse unha cerimonia cívico-relixiosa, conducida polo sacerdote, filósofo, teólogo e escritor Andrés Torres Queiruga. No acto Branca Novoneyra encargouse de dar lectura a algúns dos poemas escritos por García-Bodaño.
Os seus restos mortais foron incinerados na tarde noite de onte, e o venres recibirá sepultura en Boisaca a carón doutros ilustres da nosa cultura como Valle-Inclán, Isaac Díaz Pardo, Antón Fraguas, Aurelio Aguirre e Carvalho Calero.
- Adiós a la prohibición de llevar líquidos en los aviones: así podrás viajar ahora
- 5 kilos menos en sólo en 3 días: así podrás lograrlo con la dieta del atún
- El gran aquapark de Galicia 'abre' la temporada de verano
- Los coches con etiqueta B y C dejarán de circular: ya hay fecha oficial
- Cambia el tamaño de las maletas de mano en los aviones: estas serán las nuevas medidas y cuándo entrará en vigor
- El parque temático de Portugal estrena dos atracciones de vértigo
- Los desbocados precios de alquiler y para compra disparan los pisos sin inquilinos
- La dieta de los 4 días: perfecta para deshinchar el vientre y perder peso fácilmente