Alonso Montero recibe o Premio Laxeiro pola contribución á cultura

O galardoado recoñeceu que recibía a distinción con perplexidade pero “moi honrado”

O alcalde vigués, Abel Caballero, con Alonso Montero.   | // F. LAXEIRO

O alcalde vigués, Abel Caballero, con Alonso Montero. | // F. LAXEIRO / Redacción

Redacción

O académico da RAG, escritor e intelectual Xesús Alonso Montero recollou onte o Premio Laxeiro das mans do alcalde de Vigo, Abel Caballero.  O acto celebrouse nunha das salas do museo MARCO de Vigo, que precisamente alberga a exposición titulada Laxeiro e a arte da súa época, que foi inaugurada esta semana.

No acto, o Secretario Xeral da Fundación Laxeiro, Carlos García -Suárez Otero, leu a acta na que o Padroado da Fundación Laxeiro acordou, por aclamación, outorgar o galardón –un gravado a partir dun debuxo do pintor– a Montero.

Deste xeito, pretendían recoñecer o seu labor nos ámbitos da lingüística, a creación literaria, a edición e a docencia, e o seu compromiso coa cultura galega en xeral. 

Despois, tivo a palabra o presidente da Fundación Laxeiro e alcalde de Vigo. Pola súa parte, Xesús Alonso Montero leu un emotivo discurso, que comezou coa observación de que –recolle a Fundación nunha nota– “el non era artista plástico e que entendía que recibía ese galardón pola súa contribución á cultura galega en xeral, unha contribución feita, sen dúbida, desde os estudos filolóxicos e histórico-literarios, eido este no que argumentou que outros nomes en Galicia non teñen menos dereitos”.

Alonso Montero non agochou a súa perplexidade polo premio inda que recoñeceu sentirse “moi honrado e con inmensa gratitude”.

Proseguiu indicando as colaboracións con artistas plásticos, sempre no eido da edición e a publicación de libros. Tamén relatou o seu primeiro encontro con Laxeiro, en 1950, na taberna chamada Casa Julio, na rúa Urzaiz, rexentada polo irmán de Alonso Montero.

Alí viu por primeira vez a Laxeiro en compañía do poeta Celso Emilio Ferreiro, o escritor Emilio Álvarez Blázquez, o director de El Pueblo Gallego, José María Castroviejo, e Domingo Fernández del Riego, farmacéutico moi amigo de artistas e escritores.

Montero apuntou que no caso de Laxeiro, “se a vestimenta non era moi convencional, o calzado era inimaxinable, desconcertante: calzaba zocos de labrador”.

“Os zocos do pintor culto na urbe viguesa de 1950, lonxe de seren un signo estrafalario, eran a expresión do artista que coñecía ben a Rembrandt e ós grandes pintores do Museo del Prado e que, atento ó maxisterio deles, non renunciaba ós zocos do cidadán labrego das terras de Lalín”, engadiu.