Villar: “No cinema, as mulleres estamos alcanzando a paridade, non a igualdade”

A día de hoxe, en España son as responsables do son no 5% das series e filmes; o 21 por cento en dirección de fotografía; o 10% en música (BSO) e o 26% na dirección

Lucía Catoira, Paula Cons, Chelo Loureiro, Marta Villar e Carmela Silva. |   // JOSÉ LORES

Lucía Catoira, Paula Cons, Chelo Loureiro, Marta Villar e Carmela Silva. | // JOSÉ LORES / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

A Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales (CIMA) naceu no ano 2006 para visibilizar o traballo das mulleres no cinema español e loitar contra as dificultades que tiñan para sacar adiante os seus proxectos. Dende esa data, os datos teñen mellorado en canto a presenza de autoras nos equipos dos filmes e series pero inda queda moito por andar. Ao respecto, a delegada da organización en Galicia, Marta Villar, destacou onte no Club FARO que “estamos alcanzado a paridade, pero non a igualdade”.

As cifras que o demostran foron aportadas pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentadora do acto: as mulleres son agora as responsables do son no 5% das series e filmes que se fan en España; representan o 21% en dirección de fotografía; o 10% en música (Banda Sonora Orixinal) e o 26% na dirección.

Sen embargo, nos postos relativos ás tarefas de produción e optimización de recursos están máis preto do 50%. Silva aproveitou estes datos para reflexionar sobre a discriminación laboral da muller nestes eidos xa que son maioría nos centros formativos especializados e nas facultades pero escasean nos postos máis altos dos equipos de cinema e televisión.

Como consecuencia, indicou: “Se non participamos coa porcentaxe que nos corresponde, a sociedade non funciona como ten que funcionar. A cultura ten un enorme poder no cambio social.

Precisamente, esa mudanza é a que persegue CIMA e a iniciativa dos Premios Mulleres no Foco. Na edición deste ano os galardóns recaeron en Chelo Loureiro, Paula Cons e Lucía Catoira. As tres participaron onte no Club FARO.

Antes da súa intervención, Marta Villar fixo fincapé en que cando se creou a asociación de mulleres cineastas os datos de representatividade feminina no audiovisual eran moito peores. Por exemplo, en dirección de fotografía a presenza da muller non chegaba ao 1% (agora son o 21%); en son non había representantes.

Aínda así , indicou que “CIMA segue sendo necesario” xa que a meirande parte dos filmes dirixidos por mulleres son autoproducidos, con orzamentos moi baixos. En canto aos premios Goya, deu un exemplo: “En dirección de arte, só unha muller o gañou en 36 anos de historia destes galardóns; e das 130 nominacións, só 12 foron para mulleres nese tempo”.

Para Chelo Loureiro –produtora que ten logrado varios Goya polos filmes apoiados economicamente por ela–, “é moi difícil demostrar o talento se non che dan a posibilidade. Cando hai diñeiro, no audiovisual nótase moitísimo. Este ano, nos Gloya, as películas que destacan nas nominacións finalistas levan nome de mulleres ao fronte” ao tempo que lembrou que este ano gañou o Oso de Ouro en Berlín un filme dirixido por unha muller española (“Alcarràs, de Carla Simón), cando había tempo que un filme do Estado non o lograba.

A directora e guionista Paula Cons defendeu que as mulleres “temos talento, non só sabemos negociar, tamén somos brillantes, o que se nos nega. En moitos despachos, aínda usan o diminutivo comigo”.

Defendeu o sistema de sumar puntos para proxectos dirixidos por mulleres á hora de lograr as subvencións do Ministerio de Cultura xa que é unha medida que favorece os filmes de mulleres. Tamén destacou a importancia dos premios: “Serven de celebración e de referente. É moi importante ter referentes”.

Ao respecto, Lucía Catoira (directora de arte con tres Mestres Mateo) recoñeceu: “Faltáronme referentes. Eu fixen primeiro Belas Artes e non cinema porque non cría que fose posible que me puidese dedicar ao audiovisual. O cinema era algo moi lonxano. Fun a primeira muller á que lle deron un Mestre Mateo en arte pero eu non quería ser a primeira muller en nada, só quería traballar e tardei nove anos en profesionalizarme”.

“Telecinco nunca produce filmes caros con mulleres á fronte”

“Telecinco nunca produce unha película de gran orzamento cunha muller á fronte. Desde CIMA é onde imos ir porque esas televisións están funcionando en España grazas a concesións públicas, polo tanto, tamén teñen que estar sometidas á Lei de Igualdade. Entón, teñen que poñer á fronte a mulleres”, denunciou Chelo Loureiro (produtora da longametraxe “Unicorn Wars” que compiete polo Goya) onte no Club FARO. Esa liña de xénero tamén é vivida polas cineastas en prexuízos como reservarlles a elas películas dramáticas e intimistas cando moitas creadoras gustarían de facer thrillers ou películas de acción. “Cando digo que me encantan os filmes de acción, que me encantaría traballar nun dinme: ‘Non che pega nada’. Xa sei a que se referen”, sinalou Lucía Catoira, en alusión ao estereotipo de que nese tipo de proxectos é máis axeitado que traballen homes.

Suscríbete para seguir leyendo