A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou onte no Pazo de Fonseca en Santiago o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou a Juan Rof Codina (El Prat de Llobregat, Barcelona, 1874 – Lugo, 1967), impulsor da “raza rubia galega” e da veterinaria en Galicia e España, como ‘Científico Galego do ano 2022’.

“É un magnífico exemplo de coñecemento científico aplicado ao servizo da sociedade”, dixo Juan Lema, presidente da Academia. “Queremos salientar a traxectoria dun científico excepcional, un català de Lugo que conseguiu mellorar radicalmente a sanidade e produtividade do sector gandeiro, incorporando novos paradigmas como a prevención. Pero o seu labor non se limitou a Lugo nin a Galicia, a súa visión avanzada permitiu modernizar os procedementos veterinarios en España”, engadiu Lema.

No evento interviu, ademais do presidente da Academia, o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López. Asistiron ademais a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; Lara Méndez, alcaldesa do Concello de Lugo (cidade onde Rof Codina desenvolveu a súa carreira); Gabriel Soriano, concelleiro de El Prat de Llobregat (vila natal do homenaxeado); o presidente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, Antonio Crespo; a vicedecana da facultade de Veterinaria da USC, Maribel Quiroga; e dous netos do homenaxeado, José María e Juan Sancho Rof; así como académicos da RAGC e representantes de diversas institucións galegas.

Entregáronse tamén as cinco Medallas de Investigación de Galicia que concede a RAGC, a Jesús López Romalde, Ramón Máiz Suárez, Mª Ángeles Sanromán Braga, Jorge Mira Pérez e Isabel Pastoriza Santos.

Durante a mañá presentouse o libro “Juan Rof Codina. Unha referencia na agricultura e a gandaría galegas do século XX”, coeditado co Consello da Cultura Galega.