Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Chévere celebra os seus 35 anos esta fin de semana en Vigo

A compañía, Premio Nacional de Teatro, actúa na sala Ártika e prepara unha autobiografía e unha novela gráfica sobre a historia da sala Nasa, emblema cultural de Compostela durante 20 anos

Representación da obra "As fillas bravas" de Chévere.

Representación da obra "As fillas bravas" de Chévere.

M. Mato

Vigo

Chévere, a compañía irreverente do teatro galego que figura entre as pioneiras que comezou a modernizalo en dramaturxias e posta en escena e a comezar a levar por fóra de Galicia a arte feita aquí, cumpre 35 anos. E que mellor autoagasallo que levantar o pano para representar unha das súas últimas obras: “As fillas bravas de Momán”. O convite é esta fin de semana en Vigo, na sala Ártika, hoxe e sábado, para representar “As fillas bravas e o mito de Casandra” o domingo.

Estas actuacións encádranse no denominado “O desembarco Chévere”, unha festa polos 35 anos de vida dunha compañía que ata decembro celebrará o seu aniversario con actuacións, presentación de libros e mostras.

Chévere ten previsto publicar en novembro unha autobiografía do seu percurso dende 1987 ata agora, así como unha novela gráfica sobre a historia da Sala Nasa, local emblemático da cultura en Compostela e unhas das salas alternativas máis destacadas do Estado a finais dos anos 90 e principios de século e que por persecución política e desaveniencias co alcalde Conde Roa no 2011 decidiron pechar.

Lonxe de supór un declive para a compañía, Chévere seguiu crecendo e convencendo mesmo logrando o Premio Nacional de Teatro no ano 2014. Hoxe en día xira por diferentes comunidades autónomas e mesmo ofrece espectáculos en galego fóra dos límites xeográficos de noso.

Tamén en novembro, polo 20 aniversario do Prestige porán en escena N.E.V.E.R.M.OR.E. con programa didáctico no Auditorio de Galicia e o 19 de novembro no Auditorio de Vimianzo.

En decembro, a peza “Curva España” volta a viaxar fóra. Do 7 ao 18 de decembro poderá verse no Teatro Lliure de Barcelona; e aquí en Galicia poderá verse noTeatro Rosalía de Castro da Coruña o 29 de Nadal.

Especial tamén será a representación de N.E.V.E.R.M.OR.E.o 28 de decembro no mesmo palco polo 20 aniversario da morte de MAN, o alemán de Camelle, que finara a consecuencia do fuel do Prestige.

Respecto das obras que chegan esta fin de semana a Vigo, Chévere lembra que empezou a xirar coa peza destas tres mulleres bravas galegas no ano 2014. “Son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos”, sinala a compañía.

Tracking Pixel Contents