Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A performance que naceu da rabia contra a memoria

Pode o derribo da casa familiar plasmarse nunha acción performativa? Chus Pato e Rodríguez-Méndez vanno facer en Performa 2022

Chus Pato. Andrea Costas

“A casa onde nacín en As Neves íana tirar porque a miña irmá pequena decidiu facer unha casa nova. Iso foi un acto dramático que nunca superei. Cando me enterei, decidín facer unha serie de accións como unha especie de despedida. Confeccionei unha gran saca de tela e enchina de terra da horta. Coloqueina sobre unha pedra que tiña unha gran significación para min. Despois cosina e deixeina alí a que pudrira. Esa saca conviviu co derrumbe da casa”, explica o artista Rodríguez-Méndez.

A partir desa intervención realizou varias ilustracións e fotografías que incorporou a un caderno que remitiu á poeta Chus Pato.

“Durante un ano –explica a creadora– recibín nove cadernos de imaxes [inéditas e outras producidas] de Rodríguez-Méndez e o que me pedía era que elixira aquelas que vira que tiñan relación coa morte. Ao chegar ás 900, díxenlle que non seguía máis. A imaxe que máis me impresionou é unha relacionada coa casa da avoa en As Neves. El recolleu terra da horta e fixo atados con ela. Eu vía esa imaxe e pensaba na morte da casa, da horta, do rural galego”.

Precisamente, esa obra será proxectada na performance “La puerta natural” que ofrecerán no Teatro Principal en Compostela o día 17 de xuño, a partir das seis da tarde. Durante varias horas, Pato proxectará as imaxes que elixiu lendo os pés de foto escritos por Rodríguez-Méndez e que ela traduciu ao galego.

A acción encádrase no Festival de Artes Performativas de Santiago –organizado por Performa, é dicir, David Barro, Mónica Maneiro e Iñaki M. Antelo– que arranca mañá na capital galega coa intervención de Macarena Montesinos na Praza do Obradoiro co seu concerto monocromo coa Banda de Música de Santiago.

Ata o 18 de xuño, artistas como Berio Molina, Marta Pazos, Patricia de Lorenzo (Chévere), Irene Grau, MIL 111, Misha Bies Golas, Benxamín Otero, Fran MM Cabeza de Vaca e Markus Linnenbrink, entre outros ofrecerán as súas distintas visións en cadansúa performance.

Mentres dure o festival, ademais, Rodríguez-Méndez intentará producir as obras que seleccionou Pato no ano de traballo para desenvolvelas nun obradoiro situado en Compostela, na rúa da Oliveira.

Traballo artístico en directo

Alí, entre as 12.30 horas e as 14.30 horas, entre o día 9 e o 18, o público poderá asistir en directo ao traballo do autor. “Cando lle contei todo este proxecto a Iñaki Martínez Antelo propúxome presentar a iniciativa a Plataforma. Eu non me sentía cómodo con que alguén recitara en público as 900 obras. Pero parecíame que a figura de Chus creaba unha materialidade perfecta para pechar o proxecto. Foi cando propuxen vehiculizar produción con exposición”, explica o creador.

Preguntado sobre a causa de elilxir a morte como fío do proxecto, Rodríguez-Méndez respondeu que “a morte era un concepto co que eu xa estaba traballando. Traballo coa morte como unha forza misteriosa que intento comprender. É imposible pero son como vehículos que emprego para indagar sobre ese misterio. Non é coincidente coa morte da miña nai, xa estaba antes nesa fascinación pero a defunción dela fixo que puxera máis o foco neste tema”.

Compartir el artículo

stats