Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O editor Carlos Lema, co escritor Domingo Villar no Porto de Vigo.

“Domingo Villar fixo novela democrática, na que trata de xeito igualitario ás personaxes”

“Crea unha rede de sentimentos na que apreixa ás persoas de ficción e ós lectores”E “O éxito é un peso enorme para un autor exisente”

Nas tramas de Leo Caldas, nos enrevesados fíos argumentais que tecen os centos de páxinas de “Ollos de Auga”, “A praia dos afogados” e “O último barco” aflora o talento do escritor Domingo Villar e, tamén, subxace a vista certeira de quen descubriu a primeira versión da obra. O entón editor de Galaxia, Carlos Lema, lembra perfectamente a primeira vez que entrou pola porta do seu despacho na rúa Reconquista o escritor vigués coa súa primeira novela baixo o brazo. Aquela relación estenderíase ó longo do proceso de creación dos seus tres best-seller –editados no castelán por Siruela e traducidos a varios idiomas– e atravesou cimas de éxito e vales de duro traballo.

–¿Como e cando se coñeceron?

–Coñecín a Domingo Villar cando non publicara aínda a súa primeira novela, “Ollos de agua”. Chegou pola sé histórica de Galaxia en Vigo. Eu tiña, casuamente, o primeiro despacho á esquerda e en recepción dixéronlle que falara comigo porque era o encargado de recibir os orixinais. Lin o seu e, tras falar co entón director xeral Víctor Freixanes, suxerimos algúns cambios –nada excepcional– e logo as cousas precipitáronse. Tamén publicamos practicamente de forma simultánea en Siruela en castelán, coa súa editora Ofelia Grande. Desde aquela, tiven a fortuna de ser o editor del en todas as novelas, ata “O último barco” e de gozar da súa confianza. Fixen un ensaio sobre ese libro, que está publicado na revista “Grial”.

–Levar un orixinal na man, ¿non é un xeito moi tradicional de ir a unha editora?

–Normalmente os orixinais envíanse. Pero ese era o xeito de Domingo Villar. Tiña un carácter especial. Ese saber tratar a todas as persoas dun modo semellante creo que tamén se reflexa na súa obra e que define o seu trato. Penso que tiña un don; desde o punto de vista da comunicación tiña unha virtude para a atención das persoas. Gran parte do éxito de Domingo Villar era ese: trataba da mesma maneira ó seu editor que a calquera persoa á que fora a asinarlle un libro.

–Vostede fala diso, precisamente a nivel literario nunha crítica de “O último barco”.

–Penso que hai un intento de igualación de todas as personaxes da novela e no trato como autor. E os lectores perciben ese trazo, que facía tamén a nivel dos sentimentos e que contan moito na súa narrativa.

–¿Como foi a súa relación?.

–Como editor tiña unha relación moi estreita con el. Lin outros orixinais de Domingo Villar que están inéditos. Hoxe pola mañá, paseando pola rúa Ecuador pasei por diante dun colexio e lembrei a xuntanza que fixera con el cos alumnos de Bacharelato que leran “A praia dos afogados”. Unha morte tan repentina apenas deixa espazo para a reflexión; un sinte mágoa.

–¿Pensou que obtería o éxito que logo alcanzou?

–O éxito foi internacional; as súas obras están traducidas a unha chea de idiomas. Iso é inesperado, non se pode adiviñar. A primeira novela xa tivo un eco enorme con repercusión de lectores en Galicia; logo a segunda foi seguida da película...

–¿Que referencias atopa na súa novela policial?

–O seu grande mestre era o italiano Andrea Camilleri, creador de Montalbano. “Ollos de agua” comeza con un asasinato e na mesa de noite do morto hai unha novela de Camilleri. Era seu discípulo, que se distingue polo senso do humor, por un tipo de narrativa moi accesible e un trato próximo. A capacidade de simpatía de Camilleri de espertar simpatía é abafante. Ó igual que lle ocorre a Domingo Villar.

––Unha vez que a Domingo Villar lle faltou o seu pai, ó que lle lía en alto os escritos, asegurou que o facía coa súa nai, irmáns, fillos... Como un rapsodo. ¿Pesoulle moito esa perda?

–A figura do pai de Leo Caldas en “O último barco” é esencial. Ten un valor engadido porque nesa novela se fai unha homenaxe á figura paterna cando na sociedade hai unha crítica ó patriarcado. Pero el recrea unha figura que representa o rol de nai: é un home que le, que se adica a mirar as estrelas por un telescopio, que revisa as vides e se preocupa polo seu fillo. É dicir, esa figura aproxímase máis a imaxe tradicional de muller –á figura da nai como coidadora– que a un pai autoritario. Esa figura contraria na novela é o pai de Mónica, que é un cirurxián que representa a forza. O autor crea unha rede de sentimentos na que quedan apreixadas tanto as personaxes de ficción como ás que len a novela.

–De “As cruces de pedra”, o primeiro título que ía a publicar, ata que practicamente reescribiu o resultado de “O último barco”, pasaron dez anos.

– Eu vía a Domingo Villar so cando viña a Vigo. Pero é algo que lle ocorre a moitos autores. Agora ocórreseme Truman Capote, que despois do éxito de “A sangue frío”, non foi quen de escribir ningunha novela máis. Villar estivo dez anos dándolle voltas. E no medio dese tempo, faleceu o seu pai. Un éxito grande é tamén un peso enorme. Non é doado para un autor con certo nivel de exisencia e responsabilidade. “As cruces de pedra” era unha homenaxe a Castelao. De feito, el traduciu non hai moito “Cousas” de Castelao ó castelán [“Libros del Asteroide”]. Hai certa intención de ambos de achega democrática á arte. Eses dez anos que tardou en escribir, tiña moi claro que era o que quería escribir. Por iso quizais, tardou tanto en logralo.

–¿Viuno feliz?

–Esa pregunta é difícil de contestar. A palabra sería contento, satisfeito e orgulloso. Na presentación de “O último barco” en Moaña, un día de moitísima calor coa sala abarrotada e que non funcionaba o aire acondicionado foi impresionante. a xente non se movía do sitio a pesar de que aquelo era unha sauna. Creo que para el o aspecto social da literatura era importante, o trato coas persoas. Estaba contento.

–¿Aceptaba ben os cambios propostos?

–Eu son un editor ó estilo americano e gustábame implicarme e intervir moito, desde o título á estrutura das obras. Domingo Villar era un autor que tiña un criterio moi claro do que quería facer; escoitaba atentamente e logo tomaba as súas decisións. Hai outros autores máis volubles. Nós tivemos puntos de vista diferentes nalgúns momentos.

–Deixa orfos ós seus seguidores, pero ¿ten o relevo garantido?

–O gran trunfo da literatura é que non se acaba e as obras pódense reler. A novela ‘negra’ amosa que o código está xa inserido na cultura. Recomendaría que se relese a Domingo Villar. A novela policial tivo un rexurdir a finais do século XX con Camilleri, Mankell, Fred Vargas... que incide no intento de humanización das personaxes e a proximidade co autor máis que a perfección literaria. De feito, a película de “A praia dos afogados” creo que resulta moito máis distante e fría que a novela. Despois, había un proxecto de serie con Leo Caldas.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.