A robótica no CEIP Plurilingüe de Sigüeiro é unha festa. Tanto que os robots bailan, fan a coreografía das Tanxugueiras en 'Terra' e tamén de calquera outra muiñeira ou canción tradicional galega.

Co proxecto "Robot European Dance" este centro educativo da zona de Santiago leva xa varios premios, como os Selos de Calidade Nacional e Europeo eTwinning. O alumnado é quen de programar os robots para que fagan os movementos desexados, neste caso os dun baile tradicional, e o resultado é sorprendente.

Robots con refaixo e monteira.

Se, a maiores, visten aos robots para a ocasión, con roupa tradicional, a orixinalidade do tema aumenta, e chama a atención do público. Así aconteceu hai uns días na feira sobre 'polos creativos' celebrada en Santiago. "Esta vez, en lugar de muiñeira orixinal, os mBots sorprenderon a todos os asistentes interpretando un cachiño da canción Terra das Tanxugueiras, vestidos de negro e dourado para a ocasión. Por suposto, detrás de cada movemento estaban as mans expertas dos pequenos programadores que manexaban o código do baile dende cadansúa tableta, á que lle engadiron luz e ata o nome do seu cole nuns paneis de led", conta a súa mestra Tamara Carreira.

Tamara, mestra, con parte do alumnado.

Como empezou este proxecto?

No CEIP Plurilingüe de Sigüeiro tiveron moito éxito co seu primeiro proxecto eTwinning, no curso 2018-2019, e dende entón non deixaron de participar nestes traballos conxuntos con centros de moitos países. Son proxectos cos que o alumnado practica outros idiomas e coñece a escolares doutros países, accedendo así tamén á cultura, hábitos e costumes dos mesmos.

E por que tivera tanta repercusión? Porque fixeron (ou programaron) un robot que bailaba muiñeira. “Participabamos España, Grecia e Polonia e os centros de cada país (dous españois, un deles o noso, dous polacos e un grego) tiñamos que programar unha danza tradicional, que despois interpretamos en conxunto”, expresa Tamara Carreira, mestra de inglés neste CEIP plurilingüe no que se imparte e se practica galego, castelán, inglés e francés: “si, son as nosas catro linguas no colexio”.

O proxecto chamábase “Robot European Dance”, con alumnado de 4º de Primaria. “Nós montamos unha muiñeira. Despois, confeccionamos unha danza colaborativa final coa música ‘It,s a small world’, combinando pasos de cada baile para crear a ‘danza tradicional europea’”, engade Carreira. “É que unha das cousas nas que os rapaces reparan ao participar neste tipo de proxectos é que non somos tan distintos os uns dos outros, quero dicir, que cando coñecen as características, costumes e modais doutros países sorpréndense porque atopan parecidos. E o mesmo aconteceu co tema das danzas, os pasos eran similares... dicían, mira, os gregos tamén levantan os brazos, coma na muiñeira, por poñer un exemplo”, apunta Carreira. Polo proxecto do robot programado para danzar este centro educativo galego obtivo o Selo de Calidade da comunidade e da organización eTwinning (no ámbito español e europeo).