A música electrónica, o vídeoarte e a poesía do grupo vigués Cintaadhesiva enlazaranse mañá sábado coa música de Amadeus Mozart reinterpretada pola Orquestra Clásica de Vigo (OCV). O nexo é un proxecto que achega en parte a terceira ópera que asinou o compositor austríaco e que estreou no 1790: “Così fan tutte”.

A poesía electrónica saúda a Mozart

A obra poderá verse no Auditorio Municipal de Vigo a partir das oito da tarde, de mañá, coas entradas entre 5 e 13 euros e á venda en Ataquilla.com.

O director da OCV, Manuel Martínez, explica que traballan sobre a ópera “Così fan tutte” para amosar “Retrato musical”, formado por “tres partes distintas que converxen. A Orquestra Clásica toca a música clásica; Silvia Penas fai un recitado de poesía e Jesús Andrés Tejadas –compañeiro de Penas en Cintaadhesiva– fai o seu traballo audiovisual”.

Martínez lembra que a súa formación xa tiña colaborado en ocasións anteriores coa banda de música electrónica. “Gústanos moito desde a orquestra explorar outras artes e outros medios para mesturalo dun xeito moi natural. Desta vez, –engadiu– queriamos facer como un xogo” que partiu da ópera.

“É a arte total, a que realmente recolle o visual, a música e a palabra. O que fixemos foi coller a ópera espectacular de Mozart ‘Così fan tutte’ para escoller uns extractos que lle facilitei a Silvia Penas (voz de Cintaadhesiva). Ela fixo poesía, un texto novo, seguindo o ritmo, a musicalidade. Facemos o traballo que fixo naquel momento Mozart pero cunha óptica contemporánea e de poesía actual”, destaca Martínez.

No que respecta ao eido estritamente musical, aclara que non hai arranxos sobre a partitura do compositor de Salzburgo.

Na mente do director da OCV, pervive o recordo da “Così fan tutte” que se puido ver no Teatro Real de Madrid no inverno de 2013, coa dirección de escena do director de cine Haneke e que se pode ver hoxe en día no Filmin. Outros directores como o iraní Kiarostami se enfrontaran tamén a esta partitura e libreto; no seu caso, no 2008, sumando proxeccións cinematográficas na escena.

A diferencia de Haneke e Kiarostami, o proxecto vigués reinterpreta totalmente o texto dunha ópera que escribiu Mozart a raíz de coñecer que a súa muller lle era infiel cun alumno.

“ ‘Così fan tutte’ é unha historia de amor, aparentemente frívola pero hai unha reflexión sobre o que é querer, quen manda na relación. Hai cousas interesantes detrás desas capas e Mozart permítenos achegarnos a esas capas”, sinala Martínez.

Na historia orixinal, un home aposta con dous mozos que as súas respectivas noivas non os queren tanto como pensan. Para demostralo, pídelles que lles digan que marchan á guerra e ponas a proba ante dous supostos pretendentes.

Algúns autores ven nesta ópera certa misoxinia que Silvia Penas quixo borrar de todo. “Son dous textos que non teñen nada que ver”, explica a poeta. “Saquei o texto da ópera e escribín un poemario que foron encaixando na música e que non ten nada que ver”, engade.

“Son poemas con perspectiva clara de xénero que contan cadansúa historia de catro mulleres. Chámase ‘Retratos’ ante a imposibilidade que hai a veces de relatar as historias das mulleres. Busco unha nova forma de facelo para contala doutro xeito. Son catro mulleres con apelidos de xerundios porque sempre estamos en acción: María Esperando, Gabriela Tremendo, Emilia Chorando e Rosa Cavando. Son momentos vitais concretos delas”, sinala a poeta Silvia Penas.