O profesor xa retirado e escritor moañés Serafín Parcero indicou onte no Club FARO que “se hai dúas figuras que nos unen aos galegos son Rosalía e Castelao”. Precisamente, este último protagoniza a súa última novela, “As illas dos deuses” (Xerais), sobre a que falou onte en Vigo.

Para Parcero, que foi presentado por Fran Alonso, editor de Xerais, “non só Castelao, moitos persoeiros galegos merecen unha novela unha serie”. Entre eles, citou a Prisciliano, Exeria, Pedro Madruga, Curros Enríquez, Pardo Bazán ou Concepción Arenal.

O autor inda foi máis alá ao asegurar que “inda está sen escribir a gran novela da emigración galega, do conflito das Malvinas, da historia do mar con atención á caza de baleas...”.

A obra –que transcorre principalmente entre Ons e Bos Aires– preséntanos a historia dun home da policía franquista que recibe o encargo de asasinar a Castelao na capital arxentina.

Ao longo das páxinas –sempre na chave de ficción– acudimos ao discurso “Alba da groria” que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao pronunciou o 25 de xullo de 1948 co gallo do Día da Patria Galega e que pecha en si mesmo as aspiracións do nacionalismo galego.

Parcero: “Se hai dúas figuras que nos unen aos galegos son Rosalía e Castelao”

Aclarou o autor que “non está demostrado que Castelao visitara a illa de Ons”, inda que si se cre que recalou no Morrazo para escribir sobre o Cruceiro de O Hío. Non obstante, considera Parcero que tampouco habería que descartar que visitara a comarca.

Non obstante, na novela, Castelao pasa unha tempada en Ons, alfo ficcionado como tamén o é o encargo de que fose asasinado na Arxentina.

Inda así, o autor recalcou que sería totalmente verosímil. De feito, Fran Alonso lembrou o arranque da novela, coa nota real da Dirección General de la Prensa do Goberno de España remitida no 1950 a todos os medios da época con indicacións e advertencias de como tratar a información do seu falecemento. Naquel papel, indicaba que a nova debía ir en páxinas interiores, como moito unha columna para louvalo, literato como humorista ou caricaturista pero non como político galeguista ou independentista e que no caso de que se fixera unha alusión á súa figura política debía engadirse que fora errada e que a confiaban “a la espera de la misericordia de Dios y el perdón de sus pecados”, sen citar “Sempre en Galiza” ou álbum de debuxos sobre a Guerra Civil. No caso, indicaba anota, de non respectar estas advertencias, procederán a un expediente.

Este texto “silenciado durante anos”, lembrou Fran Alonso, ten aparecido recentemente na novela de Suso de Toro “Un señor elegante”; así como en “O baile dos estorniños” de Xabier Quiroga.

O Ons da época

Para describir a Ons da época, explicou Parcero que se valeu de bibliografía como a obra de Staffan Mörling pero tamén da publicada na revista “Nós” –en concreto, nos números 131 e 132, segundo indicou na conferencia– Álvaro de las Casas.

Del, lembrou que foi un dos “paladíns” do grupo Ultreia da Xeración Nós, unha organización xuvenil galeguista, que realizaba excursións formativas a diversos enclaves naturais pero tamén a centros de estudo como a Misión Biolóxica.

Hai que lembrar que a illa naquela altura –antes da Guerra Civil– contaba cuns 300 habitantes, non contaba con médico (se enfermaban debían marchar a Bueu) pero si con escola na que nin tan sequera estudaban todos os rapaces da ínsula.

O autor tamén se quixo fixar na figura do cacique, o dono dos terreos da illa; así como do policía encargado de asasinar a Castelao, este último marcado por un suceso ferinte da súa infancia. Para o escritor, trátase máis ben dun “verdugo” o que lle dá pé na novela a reflexionar sobre a diferenza entre un asasino e un verdugo.

Serafín Parcero ou a loita dunha obra por saír a luz durante trinta anos

Serafín Parcero (Moaña, 1955), mestre retirado, falou onte do que custa escribir unha obra. Sobre “A illa dos deuses”, sinalou que redactou as primeiras liñas hai 30 anos pero que quedaron á espera ata que unhas fotos antigas de Ons e unha información sobre Castelao se cruzaron e lle deron a luz para incluílos na devandita obra. O libro finalmente foi rematado e inda que chegou a ser finalista dun premio de narrativa, ao non gañar, Parcero optou pola autoedición pero co título de “Insulae Deourum”, no 2017, un título en latín coa tradución de as illas dos deuses. Finalmente, a presentación da obra en Xerais fixo que a editorial se interesase polo libro e o publicase este ano. Non obstante, xa con anterioridade Serafín Parcero tiña publicado e gañado premios literarios que citou na conferencia do Club FARO. Entre as súas obras, atópanse “Ollos de cinsa”, editado no 2009 poloConcello de Bueu; así como “Viúvas de vivos e de mortos” sen esquecer que gañou o premio “Matilde Bares”, así como o do Certame de Microrrelatos da Lonxa Literaria de Moaña. Parcero recoñeceu que foi “arriscado” adentrarse imaxinariamente na figura de Castelao e que mesmo agardaba fortes críticas polo atrevemento que finalmente non chegaron.