Yolanda Castaño ten aproveitado residencias literarias en Rodas, Munich, Beijing e Escocia. “Aí, foi onde me dei conta de que aquí só tiñamos premios literarios sempre a posteriori. Iso está ben pero as ocasións nas que comprobei que si se me axudaba como autora era nas bolsas de creación en residencia porque me forneceron das condicións para facer a miña actividade”, explica a poeta.

Ante esa experiencia e ao decatarse de que en Galicia non había esa posibilidade para escritores, comezou a sopesar en pór en marcha un proxecto nesa liña: “Durante moitos anos loitei por desenvolver residencias con institucións galegas pero ante á desatención acabei por lanzarme á esta aventura”.

A aventura da que fala é a Residencia Literaria 1863, un piso nun edificio do século XIX no casco vello da Coruña que rehabilitou integralmente e que preparou. Despois de “moitísimo traballo e investir os aforros de toda unha vida e unha hipoteca ata que morramos” , Castaño botou man dos contactos atesourados polo mundo durante 25 anos para asinar convenios con institucións de diferentes países para ofrecer a residencia.

“Foi –lembra– un esforzo persoal e económico sen ningún tipo de axuda institucional pero en febreiro de 2019 o poeta chileno Raúl Zurita –premio Reina Sofía– inauguraba a residencia. Durante ese primeiro ano, ata febreiro de 2020 que estivo o último residente desa etapa, tivemos uns cinco escritores de República Dominicana, Xeorxia, Filipinas, Bolivia. Viñeron patrocinados por entidades das letras dos seus países”.

O fin desta Residencia é “ofrecer un espazo e lugar estimulante orientado ó traballo, á concentración e inspiración para afastarse das obrigas diarias nos seus países para poder darlle o pulo definitivo ao seu traballo de creación ao tempo que disfrutaban da estimulante vida coruñesa”, subliña.

Pero no segundo ano, o COVID cruzouse para poñer en perigo a iniciativa. “En febreiro de 2020 –relata Yolanda Castaño– veu o último residente, de Xeorxia, Iva Pezuashvili, que escribiu unha novela que acabou sendo Premio Nacional de Narrativa de seu país. En marzo, coa pandemia, tivemos que soportar máis dun ano enteiro coa residencia pechada, os convenios rotos e nós a soportar os gastos sin ter a penas ingresos xa que son autónoma da cultura”.

A sangría rematou o pasado abril coa chegada de Kathleen March grazas ao convenio coa Secretaría de Cultura botou a andar a primeira bolsa Xacobeo para tradutores.