Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha pioneira da edición en galego

Xela Arias, a poeta dos afectos

Catro libros publicados, un sen saír do prelo e poemas compartidos en medios como FARO DE VIGO e en festivais como o da Poesía do Condado, foron o seu legado poético. Unha herdanza para a eternidade que resultou inaccesible durante anos ante a falta de reedicións. O Día das Letras Galegas adicado este 2021 a Xela Arias busca facer xustiza coa creadora. Ela, que foi un precedente das poéticas femininas de autoras como Olga Novo, Lupe Gómez ou Yolanda Castaño retorna: “Perdón, que é unha autopoética?/ Cada escrita é auto/ Son eu/ Que cuestiono amo bico plantexo e replantexo”.

“E é que estou tan lonxe que xa non regreso/ non sei que fago cando me escribo/ que convirto a noite en escadas de abrazos/ e de lonxe os meus regresos desesxístense”.

Estes versos entraron na historia da literatura galega cando no ano 1986 a viguesa Xela Arias publicaba o seu primeiro poemario, “Denuncia do equilibrio”. Naquela altura, ela nin albiscaba que este poemario sería lembrado no futuro, que publicaría tres libros máis e moito menos imaxinaba que no ano 2021 lle adicarían o Día das Letras Galegas en plena pandemia.

Xela Arias traballou na defensa da incipiente normativa da lingua nos 80

Conta Yolanda Castaño en “Xela quixo ser ela” (Xerais) –unha biografía da poeta na colección Merlín, pensada para os máis novos pero que lle viría moi ben ós maiores– que a autora de “Intempériome” ou “Tigres coma cabalos” naceu nun día de nevarada en Lugo e que seu pai colleu a Vespa e saíu da parroquia de Ortoá en Sarria (Lugo), onde daba aulas na granxa-escola de Barreiros, cara a capital da provincia.

Xela foi a maior de cinco irmáns nacidos do matrimonio composto polo mestre e tradutor Valentín Arias e a ama de casa Amparo Castaño. Cando a nena tiña sete anos, a familia enteira veu vivir para Vigo onde ela botaría as raíces e onde finaría ós 41 anos dun ataque ó corazón. Da cidade olívica chegou a dicir que ela era “unha pedra máis”.

Foi en Vigo onde trenzou os seus poemas co vento para expandilos e converterse na poeta galega transfronteiriza pero sen xeración. Como sinala María Xesús Nogueira en “Poesía reunida (1982-2004)”, de Edicións Xerais, Xela” anticipou nos 80 o espírito poético dos 90” que comezou a forxar iniciándose na literatura dende nena.

A súa nai, Amparo Castaño, lembra a FARO que de nena “empezou a ler libros de maiores, literatura universal da biblioteca da casa. Ó pai sempre lle gustou escribir, ler e dar conferencias, defende-lo galego. Iso sen dúbidas influíu nela”.

7

Xela Arias, a poeta dos afectos

Relata a súa proxenitora que “desde sempre, desde pequena, escribía, era o que lle gustaba” e que “nunca tivo moitas ganas de publicar. Animárona a facelo e saíu ‘Denuncia do equilibrio’”, engade para anotar que o dedicarlle o Día das Letras Galegas é moi satisfactorio para a familia: “Estamos moi contentos, foi unha gran noticia, unha alegría inmensa”.

Na casa da rúa Zamora en Vigo (Álbum familiar)

A escritora e tradutora (pioneira como muller en traballar no sector editorial galego, en Edicións Xerais), foi un espírito libre que sempre tivo o compromiso de escribir en galego. “Era moi traballadora –relata Amparo Castaño– e fiel ás súas ideas, que estudaba moito antes de decidilas pero unha vez tomaba a decisión non había volta atrás”. De feito, deixou o curso de acceso á universidade (COU) para buscar formación autodidacta e independizarse. “Elixín a rúa antes cás aulas (...) O que hoxe son é un produto diso”, diría en 1989 inda que anos despois si iría á universidade para acabar dando clase en Secundaria.

Libros como “De certo, a vida ía en serio” de María Xesús Nogueira en Chan da Pólvora e “Intempestiva. Biografía (literaria) de Xela Arias” de Montse Pena para Galaxia(editorial que rescatou “Non te amola!” para o público infantil) e a serie documental da RAG “A palabra esgazada” debullan tamén a vida dunha autora que viviu nos “frustrantes 80”, crítica coa visión estándar da movida viguesa.

Xela Arias a traballar na máquina de escribir (Foto de Cameselle, Faro de Vigo)

Unha creación ancorada na vida e nas paixóns

“Xela sempre foi moi nai connosco, cos irmáns máis pequenos. Unha vez se independizou, seguiunos levando ó seu apartamento onde se reunían os seus amigos debuxantes e escultores. Tiña moitos discos e alí escribiamos e debuxabamos. Sempre tivemos unha relación moi boa”, lembra o seu irmán Lois Arias.

“Como era tan cariñosa, os agasallos dos nosos aniversarios eran especiais. Escribíanos contos, con debuxos, todo moi coidado. E cando fun maior, recórdoa levándome ó cinema e mesmo a un concerto de Manu Chao en Lalín”, engade Lois.

Xela con Xosé Manuel García Crego e Celia Torres en Edicións Xerais, ano 1989 (Foto emprestada por Celia Torres).

Xulio Gil, outra persoa moi achegada a ela, exparella e pai de seu fillo, Darío, lembra que foi “unha poeta dos afectos, do que lle afectaba. Sabía buscar o verso e o adxectivo para facer universal un sentimento, unha dor que case todos temos unha vez. Pasou a ser un cirurxián das realidades afectivas nos seus poemas”.

“Ela non era de buscar durante meses unha palabra. Ela esperaba a te-lo estado, a predisposición a face-lo poema e unha vez a tiña saíalle de seguido. Despois, podía facer algunha rectificación. Non maceraba no caixón porque era a descrición dun sentimento”, lembra.

Esa escrita facía dende “a intimidade, nin eu andaba polo medio”, recorda Gil.

Foi así, no seu universo, como artellou unha poética que abraiou á investigadora María Xesús Nogueira. “O que me atraeu foi a orixinalidade e forza do seu verso”, di.

Sobre a tardanza en dedicarlle o día das Letras sinala que é “posible” que se producise polo feito de ser muller. “Se temos en conta os homenaxeados e homenaxeadas ata o momento parece un condicionante o xénero. Talvez aínda que non o podo afirmar. Talvez a súa modernidade ou a distancia da súa poesía a outras estéticas puido ter algo que ver”, engade.

Por último, defende que a súa poética “non está ancorada na dor senón na vida, na realidade, nos comportamentos humanos, nas paixóns, nos conflitos”.

 Unha pioneira da edición en galego

Xela Arias traballou na defensa da incipiente normativa da lingua nos 80

Falar de Xela Arias sen ter en conta o seu labor editorial é deixar un retrato sen acabar e, precisamente, para avanzar nel recorremos a unha persoa que foi compañeira dela durante anos nesa tarefa: Celia Torres, responsable hoxe en día de Promoción en Xerais.

“Eu –lembra– entrei tres anos despois ca ela en Xerais. Ela ó principio foi chamada a facer traballos de oficina. Cando comparto despacho con ela xa é Xela, a editora. Podemos dicir que foi unha pioneira do traballo da edición en galego. Que eu saiba non había mulleres dedicadas á edición en Galicia”.

Recorda tamén Torres que Arias era unha “muller discreta, moi calada, cun toque irónico, unha persoa que tomaba o seu traballo moi en serio”, algo que enlaza coa visión que dan a súa exparella Xulio Gil e a nai de Xela pero que foxe da autobiografía que ela mesmo escribiu e se publicou no 1988 en “Queima as meigas” onde dicía que “Que case sempre son demasiado vaga”.

As seguintes verbas de Torres adéntranos no importante papel que tivo Xela Arias naqueles anos. Se hoxe en día o tema da normativa do galego inda produce tiras e afloxas, nos 80 era case cuestión de estado.

“A ela, tocoulle editar e corrixir textos en momentos nada fáciles. A comezos dos anos 80 a normativa do galego aínda era moi incipiente. Acababa de saír e aínda estaba sometida a moitos cambios. Ela creu firmemente de que o galego necesitaba desa normativa para ser un idioma en pé de igualdade con calquera idioma do mundo”, explica Torres.

A responsable de Promoción de Xerais continúa: “Abrazou a normativa como unha ferramenta para que a nosa lingua tivera esa necesidade cuberta. Ela dicía que non era filóloga e polo tanto non podía discutir se era a mellor normativa que se podía ter, pero dicía que era a que había, a que se necesitaba. Iso levouna moitas veces a afrontarse a un escritor ou escritora que non estaba de acordo pero era firme nese sentido. Era minuciosa no seu traballo”.

Cando dende FARO lle preguntamos a Celia se Xela era valente, responde afirmativamente: “Si, claro, non me quixera ver eu no sitio dela. Imaxínaa con 20 anos discutindo cun catedrático sobre se había que asimila-lo artigo ou non. Non era fácil. Pero ela tiña un trazo no seu carácter, seguridade en si mesma”.

Torres, que hai pouco escribiu un pequeno artigo para “Luzes” onde fixo memoria sobre a autora de “Darío a diario” –o poema onde presenta a súa visión da maternidade pola xestación en nacemento do seu fillo– subliña que “falaba dos libros e sobre os libros como se lle viñese de estirpe. Dalgunha maneira era así. Criouse entre libros e seu pai traballaba no mundo editorial ademais de ser mestre. Iso deulle unha bagaxe que lle fixo coller a seguridade que tiña”.

Pero inda que os libros eran o seu amor, Xela Arias tamén respirou moita rúa. A súa biógrafa María Xesús Nogueira está convencida de que lle “influíu moito o Vigo dos 80, ese ambiente convulso” sen esquecer a importancia doutras artes e dos medios de comunicación.

“Xela Arias, reflexiona Nogueira, sempre tivo inquietude por sacar o poema do libro. Por iso fixo aproximacións dende nova cando publicaba nos xornais como no FARO DE VIGO, A Nosa Terra, os fanzines. A súa poesía dialogaba cos deseñadores e debuxantes do momento.”

Con respecto da música fixo letras en castelán para o grupo Desertores, ademais de colaborar con Antón Pulido e Alberto Conde sen esquecer o traballo con Fernando Abreu nos últimos meses da súa vida cun espectáculo poético-musical que non chegou a veren escena e que se estreou no no MARCO de Vigo días atrás coa voz de Mónica de Nut.

A exposición “Tigres coma cabalos” de Arias e Xulio Gil volve a Vigo en formato de luxo

“Tigres coma cabalos” volve a reeditarse este ano patrocinado pola Consellería de Cultura e tamén se inaugurará o vindeiro mes a exposición no Museo do Mar de Vigo, nunha mostra de luxo, en gran tamaño, explica o fotógrafo Xulio Gil que asinara o libro xunto a Xela Arias no 1990.

“Xela era pudorosa, tiña certo rexeitamento á exposición pública pero non tivo máis remedio que acostumarse”, lembra o fotógrafo Xulio Gil de Xela Arias da quen sería parella. Ámbolos dous idearon “Tigres como cabalos” un libro pioneiro que poñía no mesmo nivel fotografía e poesía mediante a linguaxe do nudismo en imaxes reais e textuais coa aparición mesmo da poeta espida.

"Tigres como cabalos"

“Algunha xente non o viu ben, pero foi moi pouca. A xente non é tan reaccionaria como un pode imaxinar”,rememora Xulio Gil inda que a propia Xela comentara nunha entrevista: “Chamoume a atención algún rexeitamento particular que sufrín polo feito de te-lo morro de saír núa”.

Gil lembra que “’Tigres coma cabalos”’ á maior parte da xente, coma case sempre, non lle interesou nada. Só moi pouca puxo pegas. Podo asegurar que era unha época máis aberta cá de agora. Non había cuestións do politicamente correcto, estabas menos suxeito a unha crítica que non entenderas”.

O fotógrafo opina que “a tradición cultural non se atrevera a facer unha obra como esta. Foi pioneira. Pero non sentimos que estabamos nunha guerra. Foi un xesto que concibimos facer sen belixerancia”.

A mostra xurdiu a raíz dunhas exposicións del na Praza da Princesa de Vigo a prol dun relato do afectivo dende o corpo humano. “Quería continualo coa participación dun poeta. Entón non a coñecía. Houbo un acto poético, ‘Os poetas cantan á cidade de Vigo’, ó que acudín para facer fotos. De tódolos participantes, a que máis me interesou para o meu traballo foi ela pola linguaxe que empregou en dous poemas que leu. Tiña actualidade e falaba do eu interior. Propúxenllo e aceptou”, lembra o artista para FARO

Compartir el artículo

stats