“Que saibades que a ciencia está aí para vós, se vós queredes dedicarvos a isto. Elixide o voso futuro con liberdade”, aconsellou Marta López, investigadora do Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (IIM-CSIC) ao alumnado que participou onte nas charlas virtuais organizadas por FARO DA ESCOLA e CSIC baixo o título: “Ciencia en feminino: as científicas tamén foron á escola”.

Marta López e Eva Balsa-Canto, ambas científicas no IIM de Vigo, contaron a máis de 3.000 alumnas e alumnos que observaban atentos ao outro lado da pantalla as súas traxectorias dende que eran nenas, nos seus colexios e institutos, ata a elección da carreira e explicaron os motivos que as levaron a optar pola profesión de científicas: vida da que se senten “moi orgullosas” e consideran que non se equivocaron, para nada, na súa elección, anque no seu momento algúns dos seus proxenitores agardaban que elixiran Dereito, Empresariais ou Medicina, por exemplo, en lugar de Bioloxía ou Física.

26

Busca a tu clase en las charlas "Ciencia en Feminino" de FARO R.V.

Pero elas tiñan claro o que lles gustaba e non dubidaron en seguir o camiño de aprendizaxe que máis tarde as levaría a estancias no estranxeiro e a traballar en laboratorios. Ao igual que Luisa Martínez, que no seu caso optou pola oceanografía e que traballa no ámbito da divulgación da ciencia a través da Unidade de Cultura Científica do CSIC-Galicia.

Ser creativas, aprender continuamente, buscar o porqué

Coinciden as científicas que participaron nestas charlas telemáticas que se enmarcan no proxecto de xornalismo escolar FARO DA ESCOLA en que a a ciencia lles permite “ser creativas, explicar o mundo e resolver problemas”. Por iso Marta, por exemplo, sabía o que lle gustaba de nena. Quizais non sabía que acabaría investigando pero si sabía que lle gustaba entender e explicar o mundo, preguntarse a si mesma o porqué das cousas, indagar e intentar explicar. Con alta probabilidade tivo que ver un tío que cando eran nenas e nenos na súa vila, Monforte de Lemos, as levaba á natureza para intentar entendela e experimentar. E tamén lle gustaban as Matemáticas, xa dende o primeiro colexio no que estudou.

Algo parecido lle pasou a Eva Balsa: gustábanlle as Matemáticas e programar, e aínda que nun principio pensou nunha enxeñería, finalmente optou por Física na Universidade de Santiago (USC). “Tomade decisións sen medo, de todos modos, nada é irreversible, sempre se pode dar un paso atrás”, apuntou Balsa nas charlas de onte vía telemática, que foron seguidas a través de Zoom e de Youtube por 119 aulas de centros educativos de Primaria e de Secundaria. O alumnado asistiu ás conferencias online en diferentes quendas: Primaria ás 09:30 horas da mañá e Secundaria ás 11:00 horas. Deste xeito FARO DA ESCOLA achega o seu gran de area aos actos que se celebran nos últimos días en centros educativos e institucións co gallo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia (11 de febreiro).

Porque en moitas carreiras percíbese un descenso da porcentaxe de alumnas que optan por esas ramas, coma no caso de enxeñerías e outros graos científico-técnicos, como expresou onte nas charlas Luisa Martínez: “se ben en Química a porcentaxe de alumnas é do 50% practicamente en certas enxeñerías é do 8%”, de aí a importancia de explicar a nenas e nenos as posibilidades que todos eles e elas teñen nas ramas científicas, sen diferenzas de xénero, só atendendo aos gustos persoais de cada un/unha.

O director do FARO DE VIGO, Rogelio Garrido, tamén animou na apertura das charlas ao alumnado a ser libre para escoller o seu futuro e recomendoulle mostrar curiosidade e preguntar moito ás científicas para ter toda a información das profesións: “para elixir ben tedes que coñecer as distintas posibilidades que hai”, apuntou Garrido, que afirmou que aínda existen estereotipos culturais, prexuízos ou clixés, así como referentes en redes sociais que se enfocan máis en youtubeiros, modelos ou cantantes e que poden influír na elección do que un ou unha quere ser no futuro. Por iso é tan importante coñecer de primeira man o traballo das científicas. Garrido recordou que cando el ía á escola ningunha das nenas dicía que quería ser científica, se ben algunhas delas acabaron dedicándose á investigación.

Ao final de cada charla o alumnado formulou preguntas a Marta, Eva e Luisa sobre as barreiras no seu traballo polo feito de ser muller, o teito de cristal, cuestións sobre seguridade alimentaria, simulación e oceanografía (áreas nas que traballan) ou sobre os descubrimentos e os fitos científicos máis importantes da historia.

Alumnado do Colexio Niño Jesús de Praga.