A escritora Inma López Silva convidou á reflexión onte no Club FARO coa súa visión sobre distintos aspectos políticos, sociais e históricos de Galicia e España. A autora de obras como “Memoria de cidades sen luz” asegurou que “temos nas nosas mans a posibilidade de tomar o poder”. E para conseguilo, optou por arredar de nós a falta de veracidade nas informacións ás que accedemos: “A postverdade é a mentira repetida”. Pero tamén avogou por gañar en análise social. “Perdemos capacidade crítica”, dixo.

O coloquio –ao que asistiu a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva– foi presentado polo editor de Galaxia, Francisco Castro. Nel, Inma López tamén realizou declaracións como a que subliñou que “unha das grandes equivocacións do nacionalismo galego é sublimar o espazo rural, esa especie de Arcadia. Calquera que coñeza unha aldea galega, sabe que de Arcadia non ten nada senón que é unha porquería vivir aí”.

Antes desta aseveración, López explicara que “en Galicia, a ideoloxía de extrema dereita está inmersa no caciquismo e no clientelismo endémicos da zona rural. Un dos grandes problemas de Galicia é o mantemento das estruturas rurais, do que falo na novela, e que son as que agochan esas formas de facer”.

Inma López Silva: “Temos nas nosas mans a posibilidade de tomar o poder”

A autora acudiu ao Club FARO para presentar “El libro de la hija”, un thriller intimista pero tamén político editado en galego por Galaxia e en español por Lumen.

A novela de Inma López Silva presenta a historia dunha xornalista que investiga a nova dun empresario que foi condeado por violar a súa filla pequena, inda que leva once anos a negar o crime. Ao longo das súas páxinas, o lector atopa a conexión entre esa investigación e o pasado de Helena Sánchez (a xornalista) pero tamén da súa filla, Amanda, que revela 20 anos despois sucesos que mudaron a súa vida.

“El libro de la hija” reflexiona tamén sobre os dereito das nais “a atopar a felicidade”, sobre o dereito das mulleres a decidir e mandar no seu corpo e sexualidade, sobre os abusos sexuais a menores no seo das familias, sobre o auxe da extrema dereita, o fenómeno okupa, a prostitución e a necesidade dunha prensa comprometida coa sociedade e non cos distintos poderes.

"Calquera que coñeza unha aldea galega, sabe que de Arcadia non ten nada senón que é unha porquería vivir aí”.

Preguntada por Castro sobre o auxe da extrema dereita en España e o cuestionamento da democracia, respondeu que “fixemos mal varias cousas como estar demasiado pendentes da hipoteca e de cambiar de coche cada tres anos e non (estar pendentes) do noso benestar. Pode parecer demagóxico pero é verdade. Estivemos moitísimos anos preocupados polo noso benestar material e non nos preocupamos polo benestar político e intelectual. Perdemos a capacidade crítica (...) Estabamos metidos na nebulosa do benestar. É a idea do novo rico que vive ben, que pensa que ‘mentras eu viva ben, dáme igual o do lado ou o que pase arredor’”.

Engadiu que “en Madrid, hai moitos anos que hai estruturas pseudosociais que amparan grupos neonazis pero aceptados porque fan un labor pseudosocial”.

Ademade, opinou que “somos un país desmemoriado” e que aquelas persoas no extremo da dereita non están interesadas en que se fale de memoria histórica. “Máncalles tanto que queiramos recuperar a memoria histórica porque ao recuperala sae a xente que lembra a verdade. Eles (a extrema dereita) repiten o que se repetiu neste país durante 80 anos. Vivimos nunha especie de nebulosa coa Transición e con gobernos socialistas nos que se deixaron de recibir esos clichés do franquismo. A extrema dereita está a recuperar eses clichés cando nin o PP se atrevía a facelo”, argumentou citando a Paul Preston polo medio.

Lamentou que, como consecuencia, “a xente perdeu o medo a dicir esas estupideces que mancan a memoria de cada morto nunha cuneta”.

A favor dunha literatura “incómoda”

Inma López Silva, que foi presentada polo editor Francisco Castro como “unha das mellores escritoras do noso país”, asegurou que unha escritora ou escritor debe ser “incómodo”. “A literatura ten que entreter, non lemos para torturarnos; pero tamén penso que se o escritor ten unha proxección ou visibilidade pública ten que empregala para algo produtivo e non para colgar modelos, facer autobombo ou contar o que come. Temos esa responsabilidade social”, recalcou de xeito contundente. Engadiu que “a literatura amosa alternativas no mundo. Esta pandemia tamén nos está a ensinar que as alternativas eran necesarias. Tiñamos un traballo por facer porque non sabiamos onde estaba outro estilo de vida posible”. “Podemos usar un libro para entreternos pero mellor se ademais nos posiciona, nos obriga a pensar e a reflexionar quen somos e como nos podemos enfrontar ás inxustizas que temos ó lado”, engadiu. Inmediatamente despois recalcou que as estatísticas din que un de cada dez nenos foi abusado na súa infancia. “Iso significa que na clase de 25 escolares da ratio de Feijóo onde están os nosos fillos e fillas hai polo menos dous nenos abusados. Se aplicamos a estatística probablemente nestas aulas de cidade como a de Vigo non haxa ningún pero resulta que no interior da montaña lucense hai catro. Eses son os dramas sobre os que debemos escribir. A literatura debe servir para que reflexionemos que quizais ao noso lado hai unha historia como a que se conta en “O libro da filla’”, sinalou. Tamén aproveitou para facer reflexionar sobre os medios de comunicación actuais: “En Galicia, non hai verdadeira democracia porque a TVG e a Radio Galega están controladas polo poder político. Os funcionarios deben ser libres de contradicir a un poderoso nun momento determinado. Se iso se desvirtúa, desvirtúase o sentido democrático. Eu pregúntome se as eleccións xerais neste país son verdadeiramente democráticas. Hai unha porcentaxe altísima da poboación galega que non ten acceso real a outros medios, á outra información”.