Antonio García Teijeiro é un dos poetas imán desta época contemporánea. Unha proba deuse onte no museo MARCO en Vigo onde se celebrou unha nova entrega de Club FARO na que o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil foi o protagonista. Alí, ante a audiencia que logrou unha cadeira (moitos quedaron fóra por encherse o aforo), fixo un alegato en favor da poesía lida e escrita ó tempo que aclaraba que "escribir é un traballo que esixe máis esforzo do que moita xente cre".

García Teijeiro presentou o seu último libro, "Presencias marcadas y otras presencias" (da editorial Elcercano.com, na súa colección Eiras Vedras), un poemario composto pola tradución ó castelán dun libro en galego do ano 2007, "Presenzas marcadas", que presenta o engadido de dez poemas a maiores inéditos nos que o paso do tempo, o amor e a procura do seu espazo na vida son as coordenadas da súa brúxula literaria.

O poeta vigués mantivo un coloquio co seu amigo e escritor Álvaro Otero quen destacou de García a súa mestría "na depuración absoluta da linguaxe, do verso". Como introdución, o ilustrador e tamén amigo do poeta Manuel Janeiro, director da colección na que saiu do prelo o novo poemario, resaltou que se trata dun "libro fundamental" deste autor.

Os tres, en cadansúa intervención, realizaron unha loa da poesía no tempo e sociedades actuais. Ante todo, García Teijeiro indicou que se "un poeta é capaz de dicir algo é porque o sente".

Ante a pregunta de Álvaro Otero de se temos razón para a esperanza, respostou que "temos razóns para estar desesperados e desesperanzados. Esta sociedade na que vivo cada día me gusta menos. Sinceramente, ten tantas eivas, tantos intereses, tanta hipocresía e cousas que non me gustan que me refuxio na poesía porque creo que a poesía é esa arte que nos serve para respirar, vivir, emocionarnos, querer máis ós demais, para entendernos moito mellor, facernos preguntas"

Teijeiro proseguiu: "A poesía nunca dá respostas. As respostas temos que buscalas nós e así chegamos a entender". Uns minutos despois, recoñeceu que "sen a poesía non podo vivir; cambioume a vida. A partir da poesía, entendín moitas cousas".

Na súa intervención, un momento especial foi o que lle adicou ós obradoiros de escrita que facía para escolares cando era profesor (agora está xubilado). "Facía o obradoiro para rapaces de primeiro a cuarto da ESO. "Nas aulas era uns (en referenza a un xeito de ser) e cando se achegaban á poesía eran outros. Grazas á poesía cambiaron moitísimo os seus comportamentos", lembrou ante os asistentes.

Recoñeceu que atoparse con xente neste tipo de formación, coma a Escola de Letras de Galaxia e a Deputación de Pontevedra, na que participou recentemente "dálle un aire que necesita para seguir a escribir".

Lamentou que "todo estea en contra da poesía" xa que a "tecnoloxía come a parte humana", pero tamén subliñou que hai cousas positivas xa que "nunca se leu máis poesía na escola que agora".

Rememorou que nos seus anos de neno non se lía poesía ou literatura na escola e que se topou con esta última a raíz de que seus pais mercaran unha enciclopedia para a casa que se traduciu no agasallo (por parte da editorial) de varios libros. Así, foi ó encontro dunha obra que lle marcou, "A familia de Pascual Duarte" de Cela, unha obra que lle marabillou inda que o seu autor lle parece "repulsivo".

De aí, pasou ás "Semblanzas" de Cunqueiro para despois fixarse nos autores da Xeración do 27 que lle xeneraron unha "influencia fundamental". Outro autor que destacou foi Celso Emilio Ferreiro cuxa poesía o marcou "por dentro".

Foi despois cando entrou na "poesía da experiencia" e a base de ler e ler xurdiu nel o degoiro por escribir. Así, prosegue na actualidade, onde a lectura dun verso suxerente lévao a anotalo no seu caderniño xuntou con outras impresións para despois na casa xerar unha nebulosa poética a partir desa inspiración.

García Teijeiro deixou claro que nunca está satisfeito completamente cos seus poemas e que el mesmo se pon cancelas para, unha vez publicados, non seguir a modificalos. Iso si, antes de editalos, traballa neles de xeito infatigable. "O traballo de corrección é brutal", concluíu.