Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Agardei un mar por ti

Primeira entrega dun relato de Pedro Feijóo para os lectores de FARO

O escritor vigués, Pedro Feijóo // Ricardo Grobas

Naqueles días non había máis que angustia nos ollos da xente. Preocupación no mellor dos casos, ansiedade noutros e, si, aínda medo. Por iso me sorprendeu tanto atoparme con aquel sorriso en medio do corredor.

-Bo día! -saudou ao verme.

-Ola.

Detívenme ao chegar ao seu carón e, desconcertada, non puiden evitar unha certa estrañeza ao reparar nel. Parecía eufórico... Fixen memoria tan rápido como puiden.

-Este... Nuno, verdade?

-Si. E ti es a nova, non é?

El tamén me mantivo a ollada.

-Si, supoño que si... Desculpe, acabo de chegar, e aínda non coñezo ben a todos...

-Non hai de que preocuparse -atalloume- somos unha veciñanza tranquila.

Eu tamén sorrín.

-Si, supoño que si. E que tal, como van as cousas? Todo en orde?

-Perfectamente. De feito, non poderían ir mellor -respondeu con rotundidade.

-Vaia, pois alégrame dar con alguén a quen lle vai tan ben...

-Mellor que ben -confirmou con xesto satisfeito.

Eu tamén sorrín, se ben non fun quen de disimular todo o meu escepticismo.

-E logo -repuxen-, molesto se pregunto de onde vén tanta alegría?

Nuno tamén quedou mirando para min. Pero a súa ollada era completamente diferente á miña. Nos seus ollos non había nin rastro de escepticismo, nada que se parecese ao cansazo, ao esgotamento. Á desesperanza. Ben ao contrario, nel todo era entusiasmo, diría que case luz. Entornou os ollos e quedou observándome. Como se estivese a considerar a oportunidade de compartir comigo o motivo da súa alegría. Finalmente apartou a ollada e apertou os beizos nun sorriso sutil, apenas unha fina liña de satisfacción case infantil.

-Vouna ver -murmurou, apenas nun fío de voz.

Neguei coa cabeza, pensando que non comprendera ben.

-A quen?

-A ela -respondeu á vez que volvía pousar os seus ollos nos meu, de novo esa expresión satisfeita, diría que feliz, na mirada.

-A... ela?

E Nuno comezou a asentir en silencio.

-Si -afirmou-. A Aira.

-Aira -repetín, ao tempo que tentaba facer memoria-. Non sei quen...

Pero Nuno non me deixou continuar.

-Chamou á noite, e dixo que viría, por fin. Quedei con ela no porto.

Engurrei o cello. No porto?

Compartir el artículo

stats