En tempos de confinamento e vídeochamadas, Xosé Á. Touriñán e David Perdomo ábrense paso cun directo diario de Instagram, ás once da noite e cunha hora de duración, que leva tres edicións e xa empeza a ser imprescindible. A receita é a de sempre: eles, as súas personaxes e a improvisación, pero dende a casa. Tiveron nos últimos unha media de 5.000 conectados en todo momento e ata serviu para rescatar a Mucha e para lanzar ao estrelato a Vladimir, o can de Perdomo. Touriñán recoñece que naceu como "un xogo" e que lle leva de volta ao seus inicios e avisa de que o fan por eles, pero que se lle alivia a xente neste momentos, benvido sexa.

- Como xurdiu a idea?

-Vin unha publicación de Instagram de David que igual facía un monólogo para combater todo isto e falamos e dixemos: "Por que non facemos un directo entre os dous?" Para ir falando todo o que pasa e se nos apetece sacar personaxes, sacámolos. Queriamos aportar para o entretemento dende casa, coido que é importante.

- Naceu de casualidade e agora a xente está ávida de velos...

-Fixémolo para divertirnos, pero xa case é coma o curro. A min dáme a vida, é como cando volvo de traballar: estou como unha moto. E para nós é máis o feito de seguir facendo cousas. Case que o fago máis pola miña propia saúde que por outra cousa. Estou na casa e a min encántame o meu traballo. Compartir todo isto con David é como xogar porque somos amigos dende hai tempo. É como volver a cando empezamos nisto, a divertirnos. E se a xente, ademais, o desfruta e o pasa ben, é unha marabilla, somos uns privilexiados.

- Que pensou cando viu a tanta xente conectada?

-Non é o importante, pero flipei ata onde chegou. Que bonito! A filosofía é a de dous amigos que fan o pallaso para que o resto de colegas que miran se rían. Se son 5000, mellor. E por riba, todas as mostras de cariño que chegan... É marabilloso. Había xente que nos pedía que o fixeramos máis cedo que madrugaba. Dicía que porque non o deixabamos gravado ou o colgabamos, pero a filosofía é que esperemos, que desexemos, que sexa transitorio, que vai pasar, como o coronavirus. Mentres esteamos aquí a esta hora, so pasarán cousas que ocorren nese momento.

- Todo ese feedback chega a substituir ao aplauso?

-Hai un subidón parecido. Cando rematas, todos os comentarios, as historias... Ver tanta xente véndoo e comentando, os colegas, amigos.. É unha satisfacción.

- Perdomo falaba de manter a adrenalina. Concorda?

-Si. E durante todo día o nervio de ter un bolo, esas ganas de que chegue a hora... A xente desexa que chegue o momento e nós tamén. A sensación é a mesma que se ten nas estreas ou cando empezas un proxecto.

- Como foi recuperar a Mucha despois de tanto tempo?

-Facía moito tempo que non poñía o pano na cabeza e esas gafas, serviume para facer un exercicio que facía moito tempo que non facía dende que deixei a tele e o Land Rober, de facer personaxes rápido... Ultimamente estou facendo cousas con máis tempo de ensaio, a forma de traballar é distinta. A verdade é que desfruto moito, este é meu lugar, o meu estilo. Esta profesión dáme a posibilidade de traballar de moitos xeitos distintos e sei que é un proceso largo, estou aprendendo moito e non sei nada. Hai que ir probando, pero é na que me sinto máis cómodo, onde o paso moi ben.

- Como consegue David seguir sorprendéndolle?

-Faino constantemente. É un fenómeno. Nisto de facer personaxes é o número un. Quero que o faga cada día. Non pactamos nada, non quedamos en nada. Ti sacas tipos ou tipas e eu tamén o fago e vamos vendo o que pasa. Desfrútoo. É algo para min e para el. Que os quere compartir toda a xente da redes, mellor.

- Pero tamén notan que axudan á xente, non?

-Iso si. Estamos todo o día co coronavirus e que polo menos cun rato con humor se nos vaia a cabeza é importante, unha hora ou hora e media que se nos esqueza. Mires a onde mires todo o día é o mesmo tema e iso mina.

- Como levan que Vladimir lles vaia a quitar protagonismo?

-E Oso e iso que é menos falador que Vladimir. Que marabilla de cans ten (Perdomo)! E espera que saian os gatos. Ten a casa chea de bichos. Eu teño menos cousas, el vai sorprendendo con movidas.

- Máis aló da iniciativa en Instagram con David Perdomo, viu freada toda a súa actividade como todo o mundo, non?

-Parounos a xira de "Unha noite na praia" con Carlos Blanco e outros bolos con R. Estamos están pospostos, e o venres acabei de gravar a serie de Vacafilms para Netflix, "El desorden que dejas". No meu caso non me vou queixar de nada, como se se cae algo. Preocúpanme máis os colegas que estaban vivindo o día, a xente que necesitaba facer un bolo e cobrar 100 ou 150 euros para pagar o piso e comer.

- Hai agora moito programa con vídeo chamada...

Claro que se poden facer contidos, pero coido que deben ser dende a casa. Buenafuente fíxoo na súa. Se se está dicindo que só saiamos para o xusto e necesario, temos que dar exemplo. Os servizos mínimos de informativos é lóxico que estean aí, pero para o resto hai outras fórmulas.