A biblioteca universal galega abre as súas portas na sección de obras ilustres a un novo libro xoia. Trátase de "Rosalía de Castro: obra poética e manuscritos" na que se ofrece a reprodución en facsímil de máis de 80 poemas da nai das letras galegas.

Con eles, as persoas que adquiran este libro poderán coñecer como era a letra a man de Rosalía, como era o papel que elixía para escribir, as anotacións que realizaba...

Para coñecer eses detalles poderán facelo dende a súa casa e sen consulta-la Bilioteca da Fundación Penzol, Rosalía de Castro ou da Real Academia Galega (RAG).

Nesta colección, mesmo están as últimas descubertas como o achádego no 2014 no arquivo da Real Academia Galega.

"Foi aquí onde atopamos un libro final de Rosalía, Postrimerías, como ela mesma o titulou, obra que debe de estar relacionada dalgunha maneira con En las orillas de Sar", explica Henrique Monteagudo, nunhas declaracións recollidas pola RAG nunha nota.

Estas entidades así como outras xunto a coleccións familiares colaboraron con Boreal Edicións para sacar adiante este proxecto no que se invistiron tres anos.

En total, ofértase unha tiraxe de 313 exemplares, enumerados por un notario, coa premisa de que nunca máis haberá unha reedición.

O responsable da editorial, Manuel Mariño, explica a FARO polo teléfono onte que "a obra é ante todo unha homenaxe a Rosalía". Pero tamén resaltou que "esta é a primeira vez que se reproducen os manuscritos en facsímil, xa que están todos espallados por distintas institucións e ata nalgúns en coleccións persoais. Nesta obra, reproducimos case a cor, o cheiro, dos manuscritos reais... É unha verdadeira preciosidade". Non obstante, a verdadeira beleza está tamén nos erros, nos tachóns, anotacións, buracos e manchas destas folliñas.

Todas esas imperfeccións tan pefectamente definidas polo paso do tempo recóllense nesta obra, que se se mira ben é un milagre.

Mariño lembra como Rosalía de Castro -seguramente polo seu delirio de doenza nos seus últimos momentos de vida- mandou ás súas fillas queimar todo rastro da súa obra. "Isto que reproducimos nós é do pouco que se salvou", sinala o editor.

Mariño engade que "esta obra xorde dunha conversa entre o presidente da RAG, Víctor Freixanes; o secretario da entidade, Henrique Monteagudo", e el.

Ademais da obra de Rosalía e os facsímiles, tamén se inclúe unha presentación de Freixanes; un prólogo da académica Marina Mayoral explicando por que Manuel Murguía rachou as cartas de Rosalía; un texto de Henrique Monteagudo, que tamén revisou as obras rosalianas incluídas; e ilustracións de Gosia Trebazc.