Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Caino: "Tiven unha grande evolución pero un artista nunca está sastisfeito co que fai"

O pintor de Baiona retorna a Vigo para expoñer en Afundación dende mañá - Di que busca "facer cousas diferentes" ó que queren as galerías

Caino: "Tiven unha grande evolución pero un artista nunca está sastisfeito co que fai"

"Ás veces, teño que saír fóra da casa porque está chea de cadros". Con esta frase, o pintor baionés Caino describe perfectamente o seu mundo creativo: unha fonte que non para de botar arte a través dos seus pinceis. Unha porción desta inspiración amosarase na exposición "As cores do tempo" que se inaugura mañá na Sala de Exposicións I de Afundación en Vigo.

Caino explica que as galerías solicítanlle sobre todo cadros sobre nenos ou a maternidad, pero "eu -subliña- quero facer cousas diferentes". Por iso, para esta mostra, presenta obras con "Árbore en frol", un crisol de cores e formas dunha vizosa singularidade.

Asegura que se inspira na natureza pero, especialmente, nas facianas e así se comproba en "Familia mariñeira na paisaxe" ou en "O tres caras". Tamén é vital o que capta das xentes do mar que abundan nos cadros que se poderán ver a partir de mañá

Situarse ante as imaxes de Caino é como sentir que o espírito de Laxeiro está vivo pero cun manto de cor, de ledicia; ademais da rede dos cubistas e expresionistas. O artista opina que "para ser un bo pintor tes que ter unha visión global da arte e así (...) facer a túa propia cociña".

A través do fío do teléfono, o autor de Baiona semella feliz coa súa obra, inda que non o diga, inda que despiste e bote claridade sobre as súas intencións creadoras: "Agora tiven unha grande evolución pero un artista nunca está satisfeito co que fai".Parte dos lienzos que poderá ver o público en Vigo dende o martes levaban no seu taller agardando a ve-la luz, a atoparse cos ollos da xente.

"Eu nunca remato os cadros. Déixoos e, dentro dalgúns meses, retócoos. Por iso, a casa está chea de cadros", explica un home que de rapazoulo empezou amosando os seus cadros nas "míticas" verxas londinenses do Hyde Park, como ben lembra Mercedes Díaz Vilachá no seu texto para o libro de sala da exposición.

Compartir el artículo

stats