Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os novos fillos da Penzol

Bieito Ledo doará á Fundación e Biblioteca documentación dos Premios da Crítica

Bieito Ledo amosa parte da documentación dos Premios da Crítica que recibirá a Penzol. // Alba Villar

"Agora é un orgullo ser galego. Foi o que nós quixemos sementar". Bieito Ledo di estas verbas e, entre elas, entre o espazo que hai entre os fonemas, foxe unha lembranza, tamén unha dor sobre o pasado, cando a honra de ser galego non estaba tan clara no país. "A nosa filosofía é colaborar para ser máis nós. Non se pode comparar a autoestima dos galegos de hoxe coa dos galegos naquela época (ano 1978) cando tiñamos certa sensación de complexo de estar no finisterre", engade o editor e escritor.

Para conformar ese orgullo, Bieito Ledo, acompañado doutros intelectuais e persoeiros puxo en marcha no ano 1978 a primeira edición dos Premios da Crítica de Galicia. Dende entón ata agora, convertíronse nun referente cultural no país.

Parte do arquivo documental que naceu deles vai cambiar de mans a finais deste mes. A Fundación Penzol, coa súa biblioteca, recibirá estes novos fillos. "Entregamos á Penzol, os recortes de prensa, documentación dos xurados, o arquivo de prensa e a gravación do primeiro fallo do ano 1978 que retransmitía Radio Popular de Vigo. Esa cadea era enormemente popular e estaba ó servizo da cidadanía. Colaborarían nas retransmisións Keka Merino, xa finada, Gerardo González Martín, María Xosé Porteiro, Xesús María Palmeiro e Víctor Freixanes, entre outros", explica Bieito Ledo.

Entre a documentación, ademais dos arquivos de voz, atópanse cartafois, cartaces e cousas curiosas do ano 1978 como as actas dos xurados. Ó longo dos anos, neses xurados, foron pasando persoeiros destacados da cultura galega.

De aí, que sexan tan importantes as actas manuscritas asinadas por xente como Carlos Casares, Alonso Montero e Ferrín.

"Daquela, o xurado reuníase no Hotel Samil (derrubado xusto este ano) e alí ó mellor só había dúas máquinas de escribir. Había catro ou cinco xurados, así que algúns tiñan que escribi-las actas a man. Todo este material entregámolo á Penzol. Vai quedar onde ten que quedar. É onde está a nosa memoria histórica concentrada que é a Biblioteca Penzol", engade Ledo, feliz de que a Fundación abra os brazos a este cacho de historia da cultura galega. A previsión é facer visible a entrega a finais deste mes.

Pero a importancia dos Premios da Crítica non se entende sen coñece-lo xermolo. "Todo comezou no Círculo Ourensano Vigués. Eu cheguei a Vigo no 1975 e nomeáronme presidente da entidade. Naquela época, estaba na prolongación da rúa Venezuela. Alí, coincidimos unha serie de persoas de diferentes profesións e ideoloxías que creamos iniciativas distintas. (...) Ó acabar de morrer Franco, había moitas asociacións culturais e a xente que estaba na organización destas tiña que dirixir os sindicatos e partidos que estaban na clandestinidade e que houbo que ir legalizando. Nós celebramos unha romaría das Letras Galegas e ademais decidimos sacar adiante a iniciativa máis sobranceira que foron os Premios da Crítica que se seguen a celebrar", comenta con orgullo Bieito Ledo.

Por certo que a vindeira edición será o 9 de novembro no auditorio do Centro Social Afundación en Vigo, onde haberá un acto literario (12.00 horas) con posterior degustación de produtos galegos e música do quinteto Caramuxo.

Compartir el artículo

stats