Danza 3 no teatro é o título do espectáculo de baile e música tradicionais que estrearán en Vigo as tres agrupacións do colectivo XOC: O Fiadeiro de Vigo , Xacarandaina da Coruña e Cantigas e Agarimos de Santiago. O Teatro Afundación será o escenario desta función única, que terá lugar o domingo 13 de outubro ás 19,00 h.

Trátase dunha proposta única, con 120 artistas sobre as táboas entre bailaríns e músicos para amosar a riqueza da danza galega, da música que a acompaña e do vestiario co que se pon en escena. O proxecto conxuga as claves que fundamentaron a recuperación do folclore galego e a súa consideración como un conxunto de saberes intrinsecamente valiosos cunha coidada posta en escena para favorecer a proxección social do traballo cara á sociedade.

Esta proposta conxunta, na que participa a Consellería de Cultura e Turismo, foi presentada esta mañá na Delegación Territorial da Xunta en Vigo pola delegada, Corina Porro; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a coordinadora da área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores, e os representates das tres formacións participantes: Miguel Ángel Pena de O Fiadeiro, Quique Peón de Xacarandaina e Pedro Brañas de Cantigas e Agarimos.

Na súa intervención, o director da Agadic resaltou que o fin é compartir este patrimonio inmaterial coa cidadanía en localidades de toda Galicia.