Traballar o mar en Rianxo, o porto que hoxe visita Ribeiras de salitre, vén dunha longa tradición e a súa orixe pérdese moitos séculos atrás. Hoxe, 650 homes e mulleres están asociados á súa confraría, dedicados maioritariamente ao marisqueo a pé e en embarcación, e tamén a artes menores, con especial importancia do xeito e do bou de vara.

Esta última é unha arte ancestral no noso mar que se conserva en Rianxo e que consiste nun aparello que é arrastrado por embarcacións de pequeno tamaño, coa que se collen fundamentalmente nécora, zamburiña, voandeira e chopo. Os espectadores coñecerán o seu funcionamento da man de Francisco Ramos.

O programa tamén se atopará no mar con María Tembra, unha mariscadora nova que traballa o marisqueo en embarcación e tamén como bateeira e as artes dos trasmallos e do xeito. Pola súa parte, Miguel Ángel Romero, o patrón maior, explicará os plans de futuro desta confraría.

Ademais, o xornalista X. H. Rivadulla Corcón falará con Quequé Galbán, que coñeceu un mar moi distinto ao actual, o tempo dos barcos a vela e a remo e das artes antigas do xeito e do chinchorro. Este mar débelle moito a homes e mulleres que como Quequé lle entregaron a súa vida. Nesta entrevista, lembrarase o Rianxo de mediados do século pasado, cunha vida tan distinta á actual.

Ribeiras de salitre visitará tamén o Museo do Mar de Rianxo, que garda e transmite a tradición pesqueira e navegante deste porto. O director deste centro, Enrique López, amosará a súas pezas máis significativas e explicará o que supón para Rianxo contar con este museo.

A gastronomía e a música non faltarán nesta nova edición do espazo da canle autonómica galega. En O Taberneiro, Ana Saavedra cociñará unha robaliza ao forno, e o grupo Teixedal axitará as súas pandeiretas para poñerlle o punto musical a esta tarde domingo.