O Concello de Nigrán deu onte a benvida a súa programación cultural do verán cun dos seus festivais xa máis señeiros no municipio, 'Solpor Monteferro', celebrado no miradoiro de Monteferro ás últimas horas da tarde e coa música dalgúns dos mellores grupos da comarca. María Yfeu e The Mirror protagonizaron o día de onte, abrindo este festival organizado nun espazo protexido con vistas cara o Atlántico. Neste enclave natural remata hoxe esta terceira edición a partir das 19.00h cos concertos de Mon Band, Gain Over e Fabulosos Weekend (grupo liderado polo actor Manuel Manquiña), poñendo o peche final co Picnic Pop DJ´s.

Un ano máis, o obxectivo é gozar da música ao aire libre e nunha contorna privilexiada, cun mercadillo con productos exclusivos e unha oferta culinaria variada que fan deste evento un lugar onde desfrutar cos cinco sentidos.

Ao mesmo tempo, o festival Nigranjazz contará na súa 13ª edición o 26 e 27 de xullo no esteiro de A Foz (A Ramallosa) cunha variada programación, presentada onte oficialmente, que lle outorga gran protagonismo tanto ás mulleres coma aos artistas locais. O venres 26 contará coas actuacións dos músicos galegos Pablo Castaño Quartet e Xosé Miguélez & Jean-Michel Pile Quartet, e o sábado 27 estarán Fernando Sánchez Quinteto e o fin de festa máis esperado: a gran cantante americana Deborah Carter & Trío Campazán, do que forman parte dous artistas galegos. Ao remate, haberá jam sessións ámbolos dous días, o venres con Martín Lopo Trío e o sábado con Rubén Fernández & Sunil López Cuarteto, onde escoitaremos as novas xeracións do jazz galego.

Educación e gastronomía

A aposta pola educación é outro dos selos do Nigranjazz, que este ano ofertará unha Master Class impartida pola mesma Deborah Carter o sábado 27 ás 12h no Auditorio do Concello. A artista abordará o 'scat', técnica de improvisación vogal popularizada por Louis Armstrong moi recoñecida no jazz.

Coma nos últimos anos estará presente o escenario "Rilla na rúa", acompañado de food trucks, no que neste edición actuará o trío Hey Cats o venres, a outra grande aposta do festival. Conformado por unha galega, unha portuguesa e unha brasileña que decidieron realizar un trabajo de investigación sobre as mulleres no jazz, centra o seu proxecto en temas de compositoras femininas pouco recoñecidas. Neste Food & Jazz, o sábado actuará o grupo miñorano Off Room.