"Demasiado tempo o relato do pasado (da Guerra Civil) estivo nas mans dos verdugos", subliñou onte no CLUB FARO o catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela Lourenzo Fernández, editor xunto a Antonio Míguez Macho do libro "Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo", editado por Galaxia, e presentado onte por ambos xunto á historiadora e investigadora Aldara Cidrás; o xornalista Carlos Henández e o director xeral de Galaxia Francisco Castro. Pedro Puy non asistiu finalmente por un problema de saúde.

Fernández explicou onte que "nas vilas, todo o mundo sabe quen foron os responsables (do xenocidio na Guerra Civil). É tan sabido que é un relato folclórico como o dos castros e dos mouros. Pero vaiamos ó gran: por que fusilaron? Por que mataron a alguén que aínda non se atopou e é unha icona de todo isto? Por que mataron ó poeta (Federico García Lorca)? Non o decidiu nin que o fusilou, nin quen o levou, nin quen o foi buscar. Decidiuno alguén máis poderoso, ese é o golpista, quen usa o terror para tomar o poder. Por iso, houbo tanta violencia, tantas mortes".

"A historia -engadiu- non se repite; a historia, por desgracia, é case sempre igual. Vímonos matando desde o Paleolítico. O estrano é que non nos matemos. Hai que evitar o negacionismo para entender por que nos matamos e de quen é a responsabilidade e en que condicións iso pode ocorrer e como esas condicións repítense pero cambian sempre. Por iso, facemos este libro, por saúde democrática".

Durante toda a súa intervención, convidou ó público a plantexarse cuestións para liberarse dos clichés históricos que nos inculcaron na familia, sociedade e mesmo nos centros de ensino. Por iso, preguntou: "Por que a xente foi á guerra? Foi porque a levaron e porque non había alternativa; non por adhesión (ideolóxica)".

Por iso, avogou por reconstruí-la historia non a partir do que se nos contou, senón tomando como base o que pasou. "Para sabelo, agregou o historiador, hai que saber para que os mataron, quen os matou, quen colaborou. Aquí (en relación ó libro 'Golpistas e verdugos de 1936') hai un programa de investigación contra a lei do silencio dos que manexan o noso pasado e que o seguen manexando hoxe en día. Todos escoitamos que quen gaña a guerra, conta a guerra. Venceron no 1939 e o que é peor venceron no 1945. Cando os compañeiros dos verdugos en Europa perderon (a II Guerra Mundial) de Vichy ata Xapón, aquí na Península Ibérica seguiron. A partir dese momento, construíron varios relatos distintos e fixeron a Transición".

Chegado a este punto, recordou as respostas dos seus alumnos cando lles pregunta na Facultade de Historia de que partido era Adolfo Suárez: "Todos, incluíndo militantes do Partido Comunista, dinme UCD. Eu dígolles que non, que o partido no que máis tempo pasou foi no Movimiento (Nacional)".

En efecto, Adolfo Suárez desempeñou numerosos cargos no mecanismo totalitario do franquismo denominado o Movimiento Nacional antes de ingresar na UCD.

Esta información obviada mesmo na Wikipedia "forma parte do coñecemento común que ocultamos", engadiu.

Pola súa parte, Antonio Míguez Macho recalcou que o pasado do ano 1936 non é alleo ó debate público nin político e que, ata o libro que se presentou onte no CLUB FARO, "existía unha débeda, faltaba poñer a atención sobre os verdugos" que executaron "asasinatos en masa perfectamente planificados, cun estoupido de violencia irracional e con arbitrariedade na elección das vítimas".

Aproveitou para facernos reflexionar "sobre as diferencias entre o que pasou e o que nos dixeron que pasara". Para entendelo, hai que entender a existencia doutra figura: a do golpista, que non hai que confundir coa do verdugo. O golpista quería destruúr o poder lexítimo.

Respecto do termo "guerracivilismo", (usado pola dereita e extremadereita para reprocharlle á xente que reclama xustiza e lembrar os represaliados na Guerra Civil) indicou que "noutras partes do mundo chámaselle negacionismo. Ese discurso alcúñase de guerracivilismo para desprecialo". Alguén entende que se alcume de guerracivilista a quen pretende recoñecer a memoria dos asasinados polo exterminio nazi?", preguntouse na súa alocución o historiador Antonio Míguez, profesor na universidade compostelana.