O proxecto web da Real Academia Galega (RAG) achega os neos de xeito ameno á traxectoria do escritor, etnógrafo e historiador galego Antonio Fraguas, recoñecido este 2019 no Día das Letras Galegas. O intelectual participou na sua mocidade en campañas de catalogacións de castros e investigou outras expresións do patrimonio material de noso, pero sobre todo recolleu unha morea de tesouros inmateriais de aldea en aldea, costumes, lendas ou coplas que ía anotando en pequenos cadernos nun momento de transición en que a Galicia en que el nacera comezaba a desaparecer.

A web primaveradasletras.gal ofrece unha ducia de actividades interactivas e varias fichas descargables que lles permitirán coñecer o mundo das cantigas, as festas e romarías, o traxe, a arquitectura ou os oficios tradicionais, eidos todos eles nos que Fraguas profundou como etnógrafo. Tampouco faltan propostas relativas a outros campos nos que fixo igualmente achegas destacadas, como a xeografía e a toponimia, sempre de xeito ameno, desde unha perspectiva interdisciplinar e animando os nenos a explorar con ollos curiosos como os de Fraguas o mundo que os rodea.

O proxecto deste ano tamén de detén en espazos esencial na vida do homenaxeado, desde Insuela, a aldea de Cotobade onde naceu e medrou, ata Santiago, onde viviu e morreu en 1999.

Espectáculo musical

Por outra banda, máis de 100 artistas subirán ao escenario nun espectáculo musical e poético con voces e danzas que porán en valor a Fraguas. O proxecto está impulsado pola compañía Queiman e Pousa, coa colaboración da Xunta de Galicia, entre outras entidades, e representarase este 4 de maio en Vilalba, o 5 en Redondela e o 12 en Portas.

O título, "Amantes da terra", xorde da propia afirmación de Fraguas, que entendía que "ser galeguista non é máis que ser amante da terra", explicou a cantante Andrea Pousa, na presentación onte no Museo do Pobo Galego. O espectáculo achégase ao traballo de Fraguas con temas que forman parte do cancioneiro galego pero tamén con temas inéditos que homenaxean a algúns dos seus referentes como Castelao ou Rosalía de Castro.