Dos "Seis poemas galegos" para os que Lorca contou coa axuda do seu amigo galego filólogo Ernesto Guerra da Cal e do prólogo de Eduardo Blanco Amor, quizais o Madrigal á cibdá de Santiago sexa o máis recoñecido. Pero antes de escribilos e entregalos ao editor Ánxel Casal, o poeta viaxou a nosa terra ata en catro ocasións e, ademais de Compostela, coñeceu Pontevedra, escoitou cantar en galego en Redondela e visitou Vigo en ata dúas ocasións.

A primeira viaxe, como estudante, foi en outubro de 1916. Ese sería o periplo por Castilla, Galicia e León durante o que decide converterse en escritor e que foi narrada polo seu compañeiro Luis Mariscal. "Después de mil kilómetros de tierra, hemos visto el mar. ¡Y qué hermosas son estas rías de Pontevedra! En una estación hemos oído cantar por primera vez en gallego a un mozo la conocida canción: Campanas de Bastabales..." recóllese en "El gran viaje de estudios de García Lorca" (Editora Alvarellos).

E logo, viaxou a Galicia outras tres veces durante 1932; en dúas ocasións como conferenciante, convidado polos Comités de Cooperación Intelectual e logo, entre o 22 e o 31 de agosto, nunha ampla xira polo país como director de "La Barraca".

A edición facsimilar de Alvarellos incorpora, comentadas, dez imaxes do poeta nesas dúas viaxes. Supón a sistematización de todas as fotos de Lorca en Galicia, que constan como apéndice ao libro e que ata hoxe estaban dispersas en publicacións.

O editor quixo insistir na fonda relación de Lorca con Galicia, e tamén con Vigo, que queda marcada nas catro instantáneas desta páxina. Xa era o granadino unha figura recoñecida en toda Europa por ter publicado "Romancero Gitano" e "Poeta en Nueva York", cando sairon "Seis poemas galegos", explicaron nun acto no Club FARO que contou coa presenza dun 'lorcólogo' xa nos anos setenta, Xesús Alonso Montero, como antes o fora Xosé Landeira Yrago.

Dous meses antes de falecer Lorca, que foi asasinado en 1936, deu un recital improvisado en Torrejón de Ardoz, lembrou Alvarellos: "Viñan dunha conferencia de Alcalá de Henares, entre un grupo de amigos, co editor José Ruíz Castillo, que logo escribiría que Lorca lles invitou a sentarse na beirarrúa para "recitarnos alguna de sus poesías, pero no en castellano, sino sus Seis poemas galegos".