O espazo Andel, unha das últimas librarías especializadas en libro galego e portugués de Galicia e ubicada na rúa Camelias en Vigo -quizais das derradeiras- entra na conta atrás para un peche anunciado o próximo mes. "Hoxe, Día Internacional da Lingua Materna, anunciamos o peche do espazo libreiro Andel. Na vindeira semana comezará a liquidación de fondos bibliográficos e discográficos até o 30 de marzo", escribían onte en redes sociais os responsables do centro literario.

O fundador e alma mater do establecemento, Xaime Nogueira, xunto con Concha, confimaron a FARO a nova: "O local probablemente se poña á venda". Cerrará así as portas un local senlleiro non so polos libros, senón polas ducias de actos culturais que acolleu ao longo das últimas dúas décadas. Fundado en 1997 como 'tenda virtual' cun catágolo de libros so en galego -cando non existían as plataformas que actualmente copan o mercado internacional-, mantívose de xeito continuado ata que en 1998-99 abriu de forma física unha tenda na viguesa Pintor Lugrís. De aí, pasaría a ocupar o espazo actual na rúa Camelias en 2013. A doble vertente que ocupou, atendendo tanto da venda de libro en galego, como de espazo cultural, non ten recambio na cidade. O escritor e asiduo ao local, Xosé Luis Méndez Ferrín, foi outra das figuras literarias que lamentaron a perda cultural, que onte foi sonada nas redes.

Por outra banda, este peche vense a sumar a clausura, xa en 2014, da Libraría Torga en Ourense, un establecemento cultural na rúa da Paz que pechou as súas instalacións e deixou de existir como o espazo físico aberto por Xavier Paz. So en Santiago quedan espazos adicados ao libro galego e portugués como a Libraría Pedreira, na rúa do Home Santo, e a Libraría Chan da Pólvora, en San Pedro.

O exdirector de Xerais, Manuel Bragado, valorou esta perda para a cidade de Vigo: "Non se acaba o mundo do libro galego, pero pérdese un paraíso da diversidade. Mala noticia para as editoras especializadas ou máis pequenas. Con todo, o libro galego está afeito ás adversidades, xa que leva vivindo unha década á intemperie".