09 de febrero de 2019
09.02.2019

A taberna de Elixio reabre coa 'visita' do inspector Leo Caldas

Domingo Villar presenta aos libreiros de Pontevedra "O último barco", a súa nova e agardada novela, que sairá en marzo

09.02.2019 | 01:27

Domingo Villar (2º esq.) con libreiros e o novo taberneiro do Elixio (c.).


Domingo Villar (Vigo, 1971) presentou diante dalgúns dos libreiros máis activos da provincia de Pontevedra a súa próxima novela, "O último barco", que verá a luz o vindeiro 6 de marzo, coa editoroial Galaxia, en galego, e de Ediciones Siruela, na súa tradución ao castelán. O marco escollido para este evento non podía ser outro que a taberna de Elixio, espazo recorrente nas novelas de Villar e un dos lugares predilectos do seu protagonista: o inspector Leo Caldas.

A histórica tasca pechou xa hai máis de tres anos pola xubilación dos seu rexente, pero a taberna de Elixio, foco de creación artística da noite viguesa do casco vello, aproveitaba así para anunciar a súa próxima reapertura no mes de marzo con Poldo Celard ao timón, celebrando tamén o regreso dun dos novelistas que máis sona lle ten dado dentro e fóra das nosas fronteiras á cidade olívica.

Así, a editora de Siruela, Ofelia Grande, non dubidaba en afirmar que Villar "puxera Vigo no mapa e fixera viaxar ata os enclaves da súa ría a milleiros de lectoras e lectores en todo o mundo". O pasado xoves, a 'maxia' das letras e os espazos reais e ficticios xuntáronse polo serán, nun evento privado organizado pola Editorial Galaxia e Ediciones Siruela.

A historia do establecemento remóntase a 1905, cando se dedicaba a gardar carruaxes. Foi en 1920 cando o ourensán Eligio González abriu a taberna no mesmo lugar que aínda permanece, na recóndita Travesía Aurora, unha pequena rúa detrás de Príncipe, moi próxima á Porta do Sol.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
FaroEduca