Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

María Xesús Lama: "Corremos o risco de crear o mito da Rosalía líder de todas as revoltas, pero non era perfecta"

"A imaxe que deu Murguía era a que podía dixerirse e logrou facela autora do canon"

María Xesús Lama. // Marta Ares Fontela / Editorial Galaxia

Non todo está dito sobre Rosalía de Castro. Ao contrario: subsisten moitos prexuízos que traballos coma o da filóloga galega María Xesús Lama contribúen a desmontar. Así o sinala o xurado que a escolleu pola súa obra " Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863)" merecedora do Premio Nacional de Ensayo 2018. Din que contribuiu "a revisar unha imaxe tópica de Rosalía de Castro ancorada nunha visión romántica e chorosa, amosando a unha escritora lúcida, independente e defensora da liberdade, a igualdade e a xustiza social".

-Que supón o recoñecemento?

-Espero que unha recuperación da figura de Rosalía para lela dende unha perspectiva máis actual. Para min, unha satisfacción moi grande.

-O xurado di que axuda a desmontar a imaxe "tópica" de Rosalía. Persiste o estereotipo de "chorona" en moita xente?

-Creo que si. Para a meirande parte das persoas coas que falo sen relación directa co mundo da Filoloxía ou da investigación literaria esa é a imaxe que teñen. Esa imaxe de poeta triste, de lamento constante, aínda pervive. Os tópicos teñen unha parte de realidade, pero o malo é que adquira a condición de totalidade. Grandes especialistas nos estudios rosalianos como Catherine Davis ou Francisco Rodríguez mostraron que ese sentir dorido non ten causas que poidamos asociar coa desgracia feminina e persoal, senón que ten a súa orixe tamén na participación nun proxecto social que se mostra fallido. Ademais ao lado deses poemas que son unha constatación desas experiencias hai outro que manteñen a voz combativa. Que constate o fracaso dun proxecto e sufra unha decepción importante non quere dicir que quede anulada para apostar por superar algúns aspectos da realidade e penso que esa é a mensaxe fundamental: que as derrotas non teñen por que ser rendicións definitivas.

-Citou vostede a Francisco Rodríguez, coñecido tamén pola súa faceta política na UPG. Que lle parece a recensión que fixo da súa obra, que incluía bastantes críticas?

-Tomo nota das críticas para mellorar. Francisco Rodríguez é unha opinión que respecto moitísimo. Hai unhas críticas que me fixo que eu podería rebater, creo, sen dificultade, e outras que me dan que pensar e me fan reflexionar e creo que todo é bo se serve para mellorar.

-É necesaria unha biografía máis de Rosalía? É a definitiva?

-Para empezar, é unha biografía de Rosalía cun pouco de ambición, que estaba sen facer aínda e cando me apareceu a oportunidade pareceume que non podía refugar. Cría que era unha cuestión tamén de responsabilidade social afrontar xa dunha vez. Facer unha biografía que non fose dun nivel divulgativo moi sinxelo, senón que recollese toda a documentación posible. Pero creo que non hai nada definitivo nesta vida: eu fágoo o mellor que podo e espero cubrir un oco que por desgracia estaba aí.

-Na primeira parte fala da mocidade, ata "Cantares gallegos", con 26 anos. Que se pode esperar da segunda e cando se publicará?

-O meu obxectivo é que saia o ano próximo. Sobre que se se pode esperar, creo que completará a visión do personaxe. O que nos queda é a madurez creativa e unhas loitas vitais moi intensas, no plano personal, con todos os anos adicados á familia, á maternidade, que a absorben, que ten que ser unha loita interior para ela moi grande non ter tempo para escribir, e no plano social, a experiencia do fracaso do proxecto da súa xeneración (o do liberalismo para construír unha España diferente) no que se implica co seu marido. É unha experiencia moi dura e aí empezan as reflexións metafísicas máis fondas. Penso que esta parte será máis importante ca primeira.

-É Murguía un acaparador ou deturpador da imaxe de Rosalía?

-Murguía é un intelectual dunha categoría extraordinari, apoiou á súa muller para que publicase e había unha comunicación intelectual entre eles moi importante. Agora, unha vez morta Rosalía, a imaxe que dá Murguía dela creo que se decanta moito cara a mitificación baseada no sufrimento e no sacrificio e dubido que a propia Rosalía quixese construír esa imaxe de si mesma.

-A imaxe dominante de Rosalía é a que se herdou del?

-Exacto. Logo de morta, Murguía crea unha imaxe moi de mártir, de símbolo da nación, pero tamén é verdade que esa imaxe era a que naquela época se podía dixerir, a dunha muller sacrificada, entregada á familia. Só así se podían tolerar as palabras dalgúns versos de Rosalía, envolvéndoas no caramelo da muller virtuosa e quizais iso foi o que fixo que Rosalía perdurase. Eu non son nada anti-Murguía, aínda que ás veces o poida parecer. Como transmitiu a imaxe de Rosalía é criticable, pero tamén hai que recoñecerlle que quizais con iso conseguiu que fose unha autora do canon, tanto galego como castelán, un caso único. E aí descúlpoo porque creo que o obxectivo igual valía a pena e logrouno.

-En Galicia celébrase o Día de Rosalía caracterizándoa coma unha superheroína. Nesa xornada, Goretti Sanmartín defendeu tamén unha imaxe de Rosalía fóra dos tópicos e afirmou que, de vivir hoxe, estaría contra a violencia de xénero, a diferencia salarial ou o acoso. Compárteo?

-Compártoo totalmente. A defensa da muller é un dos temas centrais de Rosalía. Pero era moi crítica e libre e igual que defendía ás mulleres, tamén as criticaba. É un feminismo nada maniqueo.

-Un escritor é o que escribe? E unha escritora como Rosalía?

-Si e non. Non podemos pensar que os personaxes son trasuntos literarios seus, pero hai un sustrato, situacións que non poden entender se non se viviron ou experimentaron de preto. Iso o que con moita cautela temos que ler entre liñas da súa obra. É evidente que Rosalía defendía ás mulleres, ás clases populares e a Galicia e que traballou por dignificar a Galicia.

-Se miramos ao mito de preto corre o risco de derrubarse?

-Creo que corremos o risco de crear mitos sucesivos. Agora falamos de que o máis extendido é o do sufrimento e a queixa, pero tamén podemos caer en construir outro mito da Rosalía líder de todas as revoltas significativas progresistas ou algo así. A diferencia do mito, a real non era perfecta, era humana. E non estaba en todas as loitas nin ten por que estalo ninguén. E tiña as súas claudicacións tamén, comprensibles, pero tamén iso éo que fai que unha obra literaria teña densidade de significado, porque todos os lectores temos a experiencia de traizoarnos a nós mesmos, de claudicar ás veces na defensa das causas que nos parecen xustas. Agora o que nos fai falta é aceptar a Rosalía coas súas debilidades e cos seus fallos, que tamén os tería.

Compartir el artículo

stats