A séptima edición do festival Sinsal SON Estrella Galicia na Illa de San Simón arranca este xoves. Coma todos os anos, os asistentes ao festival non saberán os artistas que actuarán ata que cheguen á illa. Porén, na rolda de prensa ofrecida onte na cervecería Estrella Galicia en Vigo, Julio Gómez, o co-director do festival, afirmou que haberá 28 concertos de 22 artistas -haberá seis que toquen máis dun día- de diferentes países, coma Cuba, Sudáfrica, Eslovenia, España, Rumanía ou Somalia, entre outros.

"É un festival que aposta pola internacionalización e a mobilización dos artistas galegos" asegurou Julio Gómez e defende: "queremos que os nosos artistas se den a coñecer e entren en contacto con outros". É un festival que busca defender o patrimonio e o turismo galego, asegura o co-director que a illa de San Simón "está ao nivel da Catedral de Santiago, as illas Cíes, a Torre de Hércules ou da muralla de Lugo".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo fincapé na historia de asoballamento e opresión que envolve á illa, calificándoa de "terríbel". Así a todo, defendeu que non hai que esquecer o pasado, mais débense crear "experiencias culturais enriquecedoras" para mudar o futuro da illa.

Por outra banda, este ano haberá unha maior aposta pola sostibilidade social. Segundo sinalaron na rolda de prensa ante os medios, divídese en tres bloques.

O primeiro é o da igualdade, que colabora coa unidade de igualdade da Uvigo. Apostan pola linguaxe inclusiva e unha cuota paritaria do traballo entre homes e mulleres. Así, hai confirmados sete grupos compostos por homes, catro mixtos e once femeninos. Dentro das traballadoras hai un 60% de mulleres e un 40% de homes. Agora ben, botan en falta unha maior participación de mulleres coma técnicas de sonido, xa que non haberá ningunha. Tamén destacan as campaña "AgresiónOff: eu digo non á violencia sexual" e "O galego crea ambiente" para impulsar o uso da nosa lingua na xuventude.

O segundo é a diversidade, tanto internacional coma territorial. Haberá artistas de diferentes partes do mundo e diferentes estilos, con contidos moi diversos.

O derradeiro punto é o do medio ambente. Unificaranse os soportes de venda, elimínanse os plásticos do festival e haberá unha oferta gastronómica ecolóxica. Segundo sinalou Jacobo Sutil , o director de Agadic "haberá unha análise do impacto social, ambiental e económico respaldado pola Universidade de Santiago de Compostela".

Desembolsaranse preto de 200.000 euros no festival. Virán nun 28% de fondos públicos, un 30% dos privados e un 42% da autofinanciación, principalmente da venda de entradas. Agradecen desde a organización o apoio de Estrella Galicia e de New Balance, que califican coma "indispensábeis para realizar o evento".