Síguenos en redes sociales:

Indonesia busca apoios en Galicia para mellorar a sustentabilidade dos campos de arroz

A decana da Facultade de Agricultura da Universidade Mohamadiya de Yogyakarta do país asiático visita o Campus Terra da USC en Lugo

Indonesia busca apoios en Galicia para mellorar a sustentabilidade dos campos de arroz

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, ofreceu este luns unha recepción institucional no edificio de Vicerreitorías da USC en Lugo á decana da Facultade de Agricultura da universidade Mohamadiya de Yogyakarta, Indira Prabasari, no marco dun acto no que tamén participou Jesús Varela Zapata, adxunto á Vicerreitoría de Coordinación de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, e o xestor de Internacionalización do Campus Terra da USC, Pedro Fiz Rocha Correa.

A visita de de Indira Prabasari á sede universitaria luguesa responde á procura de colaboración en materia de investigación agroecolóxica nun proxecto orientado a mellorar a seguridade alimentaria e a sustentabilidade das plantacións de arroz. A presenza da doutora Indira Prabasari no campus lugués vén a reforzar as ligazóns xa existentes entre a institución académica compostelá e a referida universidade de Indonesia, unha relación formalizada xa o pasado mes de marzo cando unha delegación da universidade Mohamadiya de Yogyakarta encabezada polo seu reitor se desprazou ata Santiago de Compostela para asinar un convenio de colaboración coa USC.

Antes da sinatura deste acordo marco de colaboración, unha delegación do Campus Terra xa acudira a Indonesia para explorar posibles vías de colaboración interuniversitaria en proxectos de I+D+i nos eidos agronómico e agroforestal, ademais de analizar as posibilidades de favorecer o fluxo de estudantes e, sobre todo, de persoal docente e investigador desde a institución académica asiática cara a USC a través de programas de intercambio para a realización de mestrados ou con estadías de investigación.

O obxectivo principal deste novo encontro entre responsables da universidade Mohamadiya de Yogyakarta e a USC xira ao redor dun proxecto de I+D titulado ´Indicadores de biodiversidade para mellorar a sustentabilidade dos campos de arroz para previr crises alimentarias´. Esta actuación antóllase de importancia capital en Indonesia, por tratarse dun país cun importante nivel produción de arroz, pero tamén polo importante valor que teñen os campos de arroz como agroecosistemas acaídos para a conservación biolóxica. Daquela, a doutora Indira Prabasari, pretende aproveitar a súa breve estadía en Lugo para manter unha reunión de traballo con Rosa Mosquera, catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría e profesora na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, a fin de establecer sinerxias para avanzar sobre esta liña de traballo e estudo.

Os resultados deste proxecto de I+D poderían servir de axuda ao labrador indonesio para entender a importancia da conservación de biodiversidade na agricultura, unha biodiversidade ameazada nas prácticas da chamada agricultura moderna polo emprego de pesticidas, fertilizantes, herbicidas..., axentes potencialmente responsables de problemas ecolóxicos que inclúen a perda de biodiversidade. Fronte a esta realidade, a agricultura orgánica está considerada como un método amigable de cultivo e tamén como unha prometedora alternativa cara a superar os efectos negativos de agricultura moderna. Aínda así, os estudos sobre as vantaxes agricultura orgánica nos campos de arroz (paddy campos) son escasas e precísanse máis investigacións para poder determinar os efectos dos métodos orgánicos e convencionais na biodiversidade de organismos acuáticos e terrestres.

O proxecto de I+D+i no que traballa a decana da Facultade de Agricultura da universidade Mohamadiya de Yogyakarta céntrase precisamente na realización destes estudos en varias parcelas de cultivo de arroz previamente seleccionadas na provincia indonesia de Yogyakarta, unhas investigacións que contribuirán a coñecer os indicadores de biodiversidade e a interacción entre organismos dentro dos ecosistemas acuático e terrestre e permitiría avanzar na mellora da seguridade alimentaria e tamén na sustentabilidade destas áreas de cultivo.

Pulsa para ver más contenido para ti