Os Premios Lois Peña Novo, que chegaron este ano á súa XXIV edición, recoñeceron o labor a prol da lingua galega -no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral- do filólogo e académico da lingua galega Manuel González González; da escritora viguesa María Xosé Queizán; e do xurista Xesús Costas Abreu. O castelo de Soutomaior acolleu a cerimonia de entrega dos premios, que presidiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen felicitou á Fundación Lois Peña Novo -entidade que concede os galardóns coa colaboración da Consellería de Cultura- e ás persoas premiadas "polo seu compromiso, labor e perseveranza na promoción do uso do galego, da identidade lingüística e da galeguidade".

No acto participaron tamén o presidente da Fundación Lois Peña Novo, Xosé González; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez; o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera; o académico da lingua galega Xesús Ferro; e a escritora Camiño Noia.

O premio de Manuel González González foi recollido polo seu fillo, Manuel González Prieto, mentres que asistiron María Xosé Queizán e Xesús Costas Abreu defensores do galego nas súas traxectorias vitais.