"Cada vez que morre un avó, perdemos case 500 informacións de lugares. Iso hai que recuperalo", sinala Victor Freixanes quen ansía que, neste ano, a institución que preside, a Real Academia Galega (RAG), poña coto a esta desaparición de nomes de lugares. De aí, que estableza como meta impulsar un proxecto para recupera-la microtoponimia do país.

"É -engadiu Freixanes a FARO- un esforzo no que queremos implicar ás deputacións e á propia Xunta de Galicia"; de feito, xa tivo hai atrás unha reunión con Vicepresidencia.

"Galicia ten, segundo Filgueira Valverde, case tres millóns de microtopónimos. Segundo o Instituto Nacional de Estadística, Galicia posúe o 50% da toponimia española e 5.000 máis que todo Portugal en nomes de lugares habitados. Iso é unha riqueza", agregou.

A recuperación dese legado cultural lingüístico e tradicional pasaría por "crear unha app que permitira nos móbiles un sistema de xeolocalización de tódolos termos posibles de toponimia, incluídos os microtopónimos". A poboación participaría a través da app facilitando nomes mentres que a RAG realizaría o estudo e a inclusión como garantía. Recoñece que será un proxecto de longo percorrido, cun mínimo de dous ou tres anos de traballo.

O presidente da Real Academia Galega engadiu que para este 2018, "o desafío da RAG é a comunicación, chegar á sociedade. Temos a especial vocación de conecta-la RAG, que é unha institución con 150 anos de historia, coas novas xeracións".

De aí, que busquen modifica-la web para introducir novos servizos e novas consultas. Ó respecto, subliñou que "o dicionario da Academia recibe 63.000 consultas diarias das que moitas proceden de Arxentina ou de galegos de Bruxelas ou Londres. Hai unha chea de xente que acode a el. Iso quere dicir que hai unha demanda social pola lingua. Ademais, hai 70.000 descargas da aplicación ó móbil. Estou dando datos de Google Analytics, non son inventados".

Outra "gran preocupación é conectar coas novas xeracións. Ese vai se-lo obxectivo do ano 2018. A min, gustariame iniciar uns encontros da Academia coa xente nova, que anda ó redor dos 30 anos. Temos que reunir a xente por toda Galicia falando de que queremos facer coa lingua e a cultura deste país", detallou.

Este proxecto consistiría nunhas sesións de debate para escoitalos ante a pregunta Que temos que facer? A nosa xeración debe poñer as nasas na ría para que as vindeiras vaian pola nécora", reflexionou.

Freixanes lembrou que tras ser elixido presidente da RAG, os alumnos da Facultade de Xornalismo fixéronlle un 'paseíllo' para entrar na clase, "e unha rapaza da Coruña moi espilida díxome: "Presidente, que vas facer? Por que non deixades descansar a Rosalía e Castelao e nos escoitades a nós? Quedeime coa copla. É unha proba de que aquí hai partido por xogar".