01 de noviembre de 2017
01.11.2017

Ramón Veiga: "Ós nenos dálles igual que o Samaín sexa celta; só queren pasalo ben"

O escritor publica "Violeta quere ser vampiro", un fenómeno de lectura para toda a familia sobre esta tradición, con ilustracións de David Sierra

01.11.2017 | 04:55
David Sierra, Violeta (c), Ramón Veiga (2d) e o editor Manuel Bragado. // José Lores

Violeta quere ser vampiro (Xerais) está a se converter nun fenómeno entre os máis cativos. De boca en boca, paseniño, a historia de como esta nena vive o Samaín está a dá-la volta a Galicia de man en man. Onte, en Sabarís e Vigo, o seu autor, Ramón D. Veiga –as ilustracións son de David Sierra– presentaba o libriño e charlaba con FARO sobre como xurdiu a historia e que persegue con ela: "O libro naceu hai un ano polo aniversario de Violeta, a miña filla. David Sierra propúxeme escribir un conto. Ó_principio, non estaba convencido pero lembrei unha anécdota coa miña filla e que é na que está inspirado o conto".
Daquela, "que saíse no 120 aniversario da novela de Drácula é pura coincidencia", engade. Non obstante, recoñece estar "encantado" con ela. Recoñece tamén que a Violeta do libro "é a miña Violeta e todo o que se conta sobre ela é ela mesma".
Neste punto da conversa, unha cuestión xorde: É este o mellor agasallo que se pode deixar a un fillo? "Entendo que si. Tamén entendo que a miña filla ten seis anos de idade e aínda non o aprecia tanto como cando tiña 20, 30 ou 50. Eu creo que é unha cousa bonita facer unha historia sobre unha filla", responde.
Pero nesta narración, non só aparece a súa pequena;entre os protagonistas, el mesmo, a súa muller e a súa nai, unha avoa sabia da que se poden ler frases tan metafísicas como a seguinte: "Ós mortos non hai que terlles medo; cos vivos xa é outro cantar". "Si, miña nai di esa frase e eu creo que ten toda a razón e que conecta co que di o libro porque o conto non dá medo, senón risa. Por que temos medo a ir ó cemiterio? Son os vivos os que poden ser malvados. No libro, saen vampiros, momias... pero son riquiños", engade.
De feito, nas páxinas, temos acceso a anacos do Manual do vampiro moderno onde abofé que nos topamos cunha listaxe de ´vampiros riquiños´ na que figuran Francis Ford Drácula, Elvis Nonmorto ou Nosferatuno, entre outros. Por suposto, tamén hai oco para a Santa Compaña. Iso si, cargada de chuches.
"Por se acaso, hai no libro instruccións de como matar un vampiro. Quero aparta-los nenos do oscuro, do Samaín tan tradicional. Agora os nenos, disfrutan dun Samaín moderno, dálles igual que veña dos celtas, que se lle chame Halloween. Nós reivindicamos un Samaín moderno, urbano, o que se vive agora mesmo; non o de antes cando de neno tiña que ir á misa nese día e ó cementerio". Trala reflexión, outra; está de acordo coa influencia consumista ianqui nesta festa? "Por suposto que non. O samaín que reivindicamos non ten que ver con iso. En América, disfrázanse de calquera cousa; aquí os disfraces son máis ben de monstruos.Ós nenos dálles igual que o Samaín sexa celta, só queren pasalo ben".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia