Entender a situación actual do idioma galego como lingua minorizada requere ollar atrás no tempo e Justo Beramendi convidou ós asistentes ó Club FARO a facelo. "A decadencia dos usos públicos do galego empeza no século XIII, avanza no XIV e profundiza no XV", sinalando Beramendi o reinado de Fernando III como o punto de inflexión. "Este rei empeza a usar o castelán para dirixirse a tódolos súbditos e aí comeza a decadencia do galego. Para relacionarse co poder, había que empregar o castelán", o que se agudizou cos Reis Católicos, explicou. "A sociedade empezou a percibir o galego como perxudicial para o ascenso social", engadiu.

Así, a lingua galega pasou de ser empregada para documentos notariais, na lírica, na comunicación na corte, a quedar relegada ó uso do pobo chan cunha "fractura lingüística radical na sociedade galega falando os de arriba o castelán e os de abaixo, o galego".

Ademais da barreira lingüística, contribúe "a emigración dos galegos cara as cidadades de Madrid, Sevilla ou Cádiz dáse dense o século XVI. Estes galegos -apuntou- normalmente colócanse en oficios inferiores. Isto fomenta que se xenere dende os grandes escritores do Século de Ouro un estereotipo negativo dos galegos, incluso defendida por persoas que non poden negar a súa orixe galega polos apelidos como é Miguel de Cervantes Saavedra".

O galego como idioma culto tardaría varios séculos en renacer. Sería no século XIX co Romanticismo e a aparición do nacionalismo político inda que "non perde o estigma do marcador negativo ata a Transición, ata que as esquerdas e os demócratas asumen na loita contra o franquismo a reivindicación do galego".